A web antidesafiuzamentos Doafund colle corpo a través da lanzadeira UEIA

martes, 4 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

O ritmo dos desafiuzamentos pode que baixe coa presión social e coas máis ou menos drásticas medidas das administracións (de xeito paradoxal, as que máis se están a mollar semellan as administracións locais, como por exemplo a de Ourense, que son teoricamente as que menos responsabilidades teñen no problema), pero está claro que seguirá aí, por desgraza, mentres haxa crise, escalada de paro e, sobre todo, unha mala xestión das entidades financeiras, económica e tamén moral. O caso é que nas redes estanse a crear dende hai tempo múltiples frontes de acción para frear o proceso. O caso de Stop Desafiuzamentos é paradigmático disto, ao que cómpre engadir unha iniciativa cuxo desenvolvemento avanzamos hai unhas semanas e que agora está a piques de coller corpo de xeito definitivo: Doafund.com. Trátase dun híbrido entre empresa, ONG anti-crise e comunidade 2.0 que, amais, foi elixido para participar nunha lanzadeira europea tecnolóxico-social, UEIA.
Entre outras cousas, permitirá apadriñar familias en risco de desafiuzamento, facendo fronte común, ao xeito dunha plataforma de crowdfounding, para axudalas no seu problema. A iniciativa, posta en marcha por dous novos empresarios galegos, é “un proxecto social sostíbel para evitar que a xente sexa expulsada dos seus fogares por mor da crise”, sinalan. Polo tanto, “xorde como necesidade social fronte ao modelo tradicional de ONG, asociacións que a día de hoxe soen ter problemas de financiamento debido á dependencia de fondos públicos”, engaden.
A web, da que agardamos que nos achegue en breve unha versión en galego e nas outras linguas cooficiais do Estado, co fin de subliñar e complementar a súa arela de botar abaixo barreiras e dar cabida na Rede a tódalas posturas (como se dun grande fogar seguro se tratase), é como dixemos unha iniciativa empresarial pero tamén unha fronte de acción social. Segundo sinalan os seus responsábeis, estamos ante un “proxecto sostíbel dende o punto de vista económico que acada unha innovación transformadora de carácter tecnolóxico ao pór en marcha a súa actividade por medio da web e as redes sociais”.
O servizo Doafund, como dixemos, foi incluído na ducia de finalistas da primeira aceleradora de emprendemento social de alicerce TIC de Europa: UEIA. Este recoñecemento constitúe, en palabras dun dos impulsores da plataforma, Fernando Sierra García, “un importante empurrón ao proxecto, e máis tendo en conta que se trata dun apoio que vén da man da expertos internacionais en emprendemento e terceiro sector cos que teremos a sorte de contar”.

PUBLICIDADE