A web Salvemos Monteferro, novo Premio de Xornalismo Nano Cambeiro

mércores, 26 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Rede é un lugar tan bo como outro calquera para loitar polo medio e para acadar o que parecía imposible: poñerlles a máxima cantidade de atrancos a todos aqueles que devecen por non deixar en Galiza un milímetro ceibe de costa e sen urbanizar. Neste senso, a Internet é coma subir ben ó máximo o volume do amplificador e conseguir que che escoiten mesmo onde non queren nin oír. A web Salvemos Monteferro é un exemplo disto, e probablemente haxa moitas cousas que se están a facer ben dende esta páxina na procura dun futuro para ese monte de Nigrán do mesmo nome (en serio perigo de urbanización), porque os seus responsables veñen de recibir o quinto Premio de Xornalismo Nano Cambeiro, de mans do Instituto de Estudos Miñoranos.
Os motivos do recoñecemento ó labor desta web (que loita por Monteferro pero tamén pola Serra da Groba, a Illa de Toralla, a costa de Sanxenxo, A Mariña, etc) son moitos e variados, segundo sinala a entidade responsable do premio, pero están relacionados con ter sido a primeira web ecoloxista do Val Miñor con información actualizada en torno á que se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización do devandito monte de Nigrán.
Cómpre dicir que, amais diso, a páxina en cuestión serviu tamén de lanzadeira e de apoio para outras iniciativas “irmás” na nosa terra ó longo dos últimos anos, como por exemplo o chamamento Galiza non se vende, que tivo como obxectivo poñer de manifesto o problema ambiental da Ría de Vigo (consistía nun mapa en liña de puntos negros). Neste intre, a páxina web xira arredor das mobilizacións para protexer á Serra da Groba dun proxecto enerxético de instalación dun parque eólico. Asemade, os seus responsables colaboraron recentemente nunha campaña ecoloxista a prol do uso público da Illa de Toralla e da súa recuperación e que podemos ver aquí, nun divertido vídeo.

PUBLICIDADE