A web Fogar sen tóxicos infórmanos polo miúdo dos riscos para a saúde que acubillamos nas casas

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Xa non é que teñamos na casa certas cantidades importantes de gas radón (que se remedia en parte facendo algo tan sinxelo como ventilar), e unha ración máis ou menos variábel de plásticos de orixe dubidosa que corren o risco de sepultarnos, é que mesmo os elementos que configuran moitos dos nosos edificios, dende o temido amianto até outros que non se quedan curtos na súa toxicidade, son en certos casos prexudiciais para a saúde. A pregunta que nos podemos facer é: como sabelo? Pois ben, para iso está, unha vez máis, a Rede. Da man da Fundación Vivo San chéganos á redacción a web Fogar sen tóxicos, unha páxina que non se dirixe a crear alarma, senón simplemente a recordarnos o obvio: que se enchemos a casa de ondas electromagnéticas e material procedente da gran industria, culpábel en boa medida de que esteamos onde esteamos (ao bordo dun colapso medioambiental), corremos certo risco.
Na páxina tamén se nos recorda, xa facendo directa a cousas das que falamos en Código Cero (redes e outros asuntos), que vivimos nunha contorna se cadra tecnolóxica de máis, e que se xa temos acceso fixo á Internet, probablemente sobren os accesos sen fíos, e que se temos un electrodoméstico de cada índole e finalidade, para que ter máis? Isto ten que ver coa radiación electromagnética, unha cuestión da que dificilmente imos poder ceibarnos hoxe en día, e máis se vivimos nas cidades (aínda que no rural tamén, cos tendidos eléctricos e coas antenas para incrementar a cobertura móbil), pero que podemos asumir con racionalidade. Ou, sexa, sen botar máis leña ao lume do estritamente necesario. En definitiva, aínda non sabemos como reaccionará o noso organismo á saturación de elementos tecnolóxicos no fogar, polo que para comezar, non está mal ser prudente e centrarnos só no que nos faga falta, e apagar os aparellos cando non se usen (apagalos de verdade: desenchufando). Dende a web dísenos que “até o máis común dos electrodomésticos que temos en casa pode supor, de usalo mal, un factor de risco potencial, polo que coñecer o seu funcionamento resulta imprescindíbel para aprender a empregalos de xeito correcto”. Vale que hoxe en día non podemos prescindir das tecnoloxías, pero si que podemos atopar precaucións sinxelas e manter a distancia de seguridade para minimizar os riscos.
A campaña Fogar sen tóxicos conta coa colaboración de entidades como Comisións Obreiras ou o Fondo para a Defensa da Saúde Ambiental. Na web de seu, amais de promover a información e a concienciación cidadá, faise tamén un chamamento ás institucións públicas para que solucionen dunha vez por todas o grave desleixo normativo e regulamentario ao que someten a cuestión da toxicidade nos fogares.

PUBLICIDADE