A web 17demaio.org afonda na vida e na obra de Álvarez Blázquez

luns, 12 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

O espazo 17demaio.org ben podería definirse como unha porta de referencia na que petar no caso de que queiramos obter imformación completa sobre un caso concreto, a celebración do 17 de maio (as Letras Galegas), e outro máis específico, a celebración do 17 de maio de mans da Consellería de Cultura. Dito doutro xeito: trátase dunha web feita exclusivamente co gallo de conmemorar o noso patrimonio literario e (asemade) de resolverlles ós internatuas o maior número de preguntas e consultas que lles poidan xurdir sobre o tema.
Ten polo tanto un fondo e un espírito de enciclopedia virtual e de recurso que che sae ao paso mesmo antes incluso de que te propoñas procurar información.
Como vén sendo costume cos autores recoñecidos noutros anos, a información sobre o autor elixido este ano (Xosé María Álvarez Blázquez) é completa: inclúese unha cronobiografía (a súa biografía con imaxes, ano por ano e fito por fito), unha galería de imaxes, a historia do apelido Álvarez ó longo do tempo (moi ligado á defensa da nosa cultura), o contexto histórico no que transcorreu a vida do autor homenaxeado, os seus libros na rede (información bibliográfico) e unha serie de apartados sobre as súas diferentes ocupacións (editor, articulista, escritor e arqueólogo).
Tamén se inclúe unha axenda de actos que ben pode sernos de utilidade se queremos participar nalgunha das moitas actividades de festexo.

PUBLICIDADE