A vindeira semana daranse a coñecer as datas do apagamento analóxico en 44 concellos galegos

xoves, 29 de outubro do 2009 Redacción

O 78,8% dos fogares galegos accederon xa á Televisión Dixital Terrestre (TDT) no mes de setembro, mentres que un 84% acceden a estas canles nos municipios coruñeses nos que se producirá o primeiro cesamento analóxico entre decembro e xaneiro.
Segundo avanzou en rolda de prensa o director da Oficina Nacional de Transición da TDT, José Antonio Quintela, o primeiro proxecto de transición á televisión dixital (Santiago) afectará a uns 44 concellos galegos (39 da Coruña e 5 de Pontevedra) e «a 330.000 persoas», cuxas datas de apagamento analóxico anunciaranse «a semana que vén».
Por iso, o representante estatal mantivo unha reunión onte co subdelegado do Goberno da Coruña, José Manuel Pose; o subdirector xeral de Enxenería e Planificación de Telecomunicación, Ignacio José Otero López; e alcaldes dos primeiros concellos afectados co obxectivo de abordar «accións de información ao cidadán» respecto ao proceso de conversión dixital.
José Otero sinalou que a orografía e a superficie arborada en Galicia son «chave na perturbación da cobertura» da TDT, para o que destacou o plan de extensión de cobertura, a través de distintos centros tecnolóxicos diseminados por toda a Comunidade Autónoma e que acenderanse progresivamente.
O proceso levarase a cabo mediante conexión terrestre «nun 98%» dos casos, mentres que os problemas de alcance a determinados fogares solucionarase mediante conexión por satélite.

PUBLICIDADE