A vindeira actualización do iPhone bloqueará os terminais previamente liberados

martes, 25 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Un iPhone liberado para poder empregarse na rede de Movistar

Pese a que responsables de Apple se manifestaran neutrais sobre os hackeos dos iPhone para permitir a incorporación de aplicacións non oficiais ou para liberar os móbiles, parece que a postura oficial está a cambiar, e xa hai varias tendas de Apple que invalidan a garantía de terminais liberados ou modificados.
Ademais, esta semana Apple lanzara unha actualización do firmware do iPhone, o que desactivaría a función de móbil dos terminais liberados por varios métodos, ou sexa, que os usuarios que manipularan o seu terminal non poderán acceder á garantía do produto nin as actualizacións de software se non queren atopar problemas.
Dende a compañía de Cupertino advirten que a instalación de aplicacións non oficiais viola o acordo de licenza do iPhone, elimina a garantía e mesmo podería producir danos irreparables no terminal.
Esta cambio de postura de Apple non está a ser moi ben recibido pola comunidade de usuarios que atoparon no hackeo do terminal un bo xeito de mellorar as súas prestacións, de xeito que non entenden que teñan agora vetadas as actualizacións de firmware se non queren ter problemas, aínda que as auténticas prexudicadas por esta medida serían as vendas da tenda de música de Apple, xa que a súa integración no iPhone era unha das características que se incorporan na próxima actualización.

PUBLICIDADE