A viguesa InfoJC celebra 30 anos de actividade TIC cunha nova web

xoves, 7 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega InfoJC vén de estrear páxina web. A firma, que forma parte da asociación Ineo, quixo celebrar o seu 30º aniversario cunha nova faciana en Internet, unha páxina que serve en boa medida de estratexia de continuidade (o novo sitio recolle a traxectoria da empresa galego no sector TIC) e tamén de xanela ao futuro (informa polo miúdo das novidades en I+D que lanzar InfoJC nos vindeiros meses). Segundo nos conta Ineo na súa web, a páxina remodelada da firma viguesa servirá tamén para dar conta dos proxectos de colaboración e das actividades formativas que se promovan e se organicen dende o seu seo.
Asemade, e na liña de afianzar canles coa comunidade de clientes e de internautas en xeral, inclúe un apartado aberto á achega de consultas para a obtención de presupostos.
Como dixemos, InfoJC é unha empresa xurdida en Vigo hai xa tres décadas e que dedica unha boa parte da súa actividade ao desenvolvemento e implantación de solucións de tipo tecnolóxico para empresas. Máis polo miúdo, está especializada en achegar soporte íntegro ao longo de todo o camiño de actividade das compañías, ofrecendo solucións tecnolóxicas a medida, subministro, así como instalacións e configuracións.

PUBLICIDADE