A vida dos candidatos galegos ás eleccións municipais, tamén nos blogs

martes, 24 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A Web, e máis concretamente as posibilidades de comunicación dos blogs, estanse a meter de xeito irremediable nas vidas dalgúns dos candidatos galegos que concorren nas vindeiras eleccións municipais, seguindo dalgún xeito o ronsel deixado polo actual vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana (quen foi pioneiro na nosa terra poñendo en marcha un caderno para uns comicios autonómicos) e polo deputado José Manuel Lage Tuñas. Pois ben, a nosa compañeira e colaboradora Eva Campos vén de presentar no seu blog Diotima un estudo pormenorizado do que está a dar de si o emprego deste elemento da Web 2.0 na vida política galega previa ás eleccións.
Unha das conclusións que se pode tirar é a de que temos un pouco de todo: hai candidatos que aínda agora (a algo máis dun mes para os comicios) se están a apuntar á moda das bitácoras e, pola contra, hai outros que aproveitan para quitar o po a espazos abertos hai tempo en Internet pero que ficaban en suspenso até estas datas sinaladas.
Polo que respecta ós partidos, tamén podemos dicir que hai de todo: do BNG (Enrique Tello na Coruña ou Santiago Domínguez en Vigo), do PP (Carlos Negreira na Coruña, Juan Juncal no Ferrol, entre outros) ou do PsdeG (por exemplo Xosé López Orozco, un dos políticos de todo o estado español que máis vén facendo uso das posibilidades dos blogs).

PUBLICIDADE