A versión en galego da web do Defensor del Pueblo, inzada de erros
martes, 8 de febreiro do 2011
Podemos presentar unha queica como cidadáns por calquera inxustiza da que esteamos a ser
obxecto, nós ou o que nos rodean? Estamos a falar dunha queixa ou ben dun doce
galego en feminino? En realidade, a cousa non é como para tomar a brincadeira. E
máis se temos en conta que se trata dunha palabra teoricamente galega atopada
na páxina web da figura institucional habilitada para defendernos, mesmo no
terreo cultural: a web
do Defensor del Pueblo.
O problema de queica é só un exemplo do pouco respecto que se lle ten ao galego
nesta institución (e noutras). Así nolo conta A Mesa
pola Normalización Lingüística, quen fai fincapé noutros moitos exemplos, como “vear”
por “velar”, “ciudadáns” por “cidadáns”, “os teus preguntas” por “as túas
preguntas”.
A cousa, que até o corrector lingüístico máis
primitivo podería ter resolto en parte, ten máis delito aínda se temos en conta
que servizos como o formulario de queixas só está dispoñible en castelá, polo
que aínda ten menos sentido estar falando dunha figura institucional posta en
marcha para defender ao pobo.
Para A Mesa, toda esta lea lingüística non é máis
ca un novo síntoma do desprezo da institución cara á diversidade lingüística e
cultural do Estado, un ben a preservar que semella terse enfocado como o
contrario. A plataforma galega de defensa da lingua teno claro: "Mal pode presumir de escoitar a voz da xente
quen non permite nin tan sequera que se poidan presentar queixas no teu idioma
propio".