A venda de trebellos con Kodi precargado levarase aos tribunais británicos

venres, 27 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Durante anos non foron poucas as causas xudiciais por mor da comercialización de receptores de servizos de televisión de pagamento que permitían o acceso ilegal aos contidos, pero agora a situación é un tanto diferente, e existen plataformas en liña que permiten recibir fluxos de vídeo en streaming de fontes moi diversas entre as que é doado atopar canles de televisión en directo, películas, series de televisión... que grazas a aplicacións como Kodi resultan doados de localizar e xestionar, de aí que na Internet estean a comercializarse numerosos dispositivos baseados en Android coa aplicación precargada, o que é unha práctica de legalidade moi discutible, que precisamente está a xudicializarse en Reino Unido.
Brian Thompson, un comerciante de Middlesbrought, vén de declararse inocente nunha causa contra a súa persoa por vender dispositivos coa aplicación de Kodi preconfigurada, quedando en espera de que o xuízo teña lugar no mes de maio, cando sen dúbida haberá moitas miradas apuntando na súa dirección, xa que a venda de dispositivos con Android que poden conectarse ao televisión está moi estendida, e non está clara a barreira que hai que superar para que se considere que un vendedor vulneraría os dereitos de propiedade intelectual.
Thompson asegura que a venda de trebellos con Android está moi espallada, pero entende que o problema está na descarga nos mesmos do software que permite ver contidos televisivos sen pagar. Pero un detalle curioso é que a mesma posibilidade que teñen estes trebellos está presente en smartphones e tabletas, e non parece razoable que se vaia perseguir a súa venda.
Confíanse en que o xuízo dilucide onde está a barreira, cando menos nos EE.UU., para poder ofrecer dispositivos con Kodi precargado e preconfigurado, pois para empregar esta ferramenta para acceder a contidos irregulares é preciso ter certos coñecementos, xa que a propia aplicación non dá soporte ao uso de engadidos que vulneren a propiedade intelectual.

PUBLICIDADE