A venda de tabletófonos podería medrar un 136% en 2013

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Evolución dos tabletófonos no mercado (en millóns) prevista por IHS iSuppli

Cando Samsung lanzou o seu GALAXY Note parecía que estabamos ante un produto de nicho que dificilmente chegaría a ser tan popular como o é agora, e esta tendencia parece que vai manter un bo ritmo se atendemos a datos publicados pola consultora IHS iSuppli Research, que estima que os tabletófonos van dobrar a súa presenza no mercado durante 2013. Chegan a detallar que os 25,6 millóns de smartphones con pantalla de 5 ou máis polgadas vendidos medrarían un 136% en 2013 ata chegar aos 60,4 millóns de unidades postas en circulación, cantidade que, de evolucionar do mesmo xeito, chegaría aos 146 millóns de tabletófonos vendidos en 2016.
Actualmente moitos fabricantes están a apostar polos móbiles con grande pantalla como xeito de destacar nun mercado saturado e moi competitivo, atendendo así unha demanda dos usuarios, que cada vez fan un uso máis diverso e prolongado dos smartphones, polo que agradecen as pantallas de grandes dimensións para unha mellor visualización dos contidos.
Cómpre destacar que aínda que LG e Samsung teñan os smartphones de grande formato máis populares, a pasada edición do CES de Las Vegas sitúa a fabricantes chineses como Huawei, ZTE e Lenovo como posibles líderes deste sector durante 2013, pois foron os primeiros en amosar tabletófonos con pantallas Full HD que incluso poderían ter prezos máis competitivos que os seus competidores surcoreanos.

Samsung GALAXY Note II en máis cores

Nos últimos días son moitos os rumores que apuntan a que durante o Mobile World Congress de Barcelona é posible que Samsung amose o futuro GALAXY Note III, que tería unha pantalla Full HD de 6,1 polgadas e un procesador de grande potencia, pero polo momento esta información non está confirmada, e o único que sabemos da compañía de Corea do Sur é que hoxe mesmo pon á venda no seu mercado de orixe modelos do GALAXY Note II de novas cores (marrón ámbar e rubí viño). Esta táctica cromática ten confirmado o seu éxito en pasadas ocasións, polo que é posible que dinamice as vendas deste móbil antes de que chegue o seu sucesor.

PUBLICIDADE