A venda de móbiles gañaría pulo se estes fosen máis doados de empregar

luns, 19 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Para a industria tecnolóxica, e neste caso concreto a dos dispositivos móbiles, un mundo ideal sería aquel no que todas as funcionalidades que achegan os aparellos que se poñen en venda fosen de verdade útiles para os usuarios, e que estes, sempre devecendo por novas vantaxes, chegaran a tal control sobre cada aparello que caese nas súa mans que tivesen as tendas de venda como o seu segundo fogar. Ou sexa: mercando móbil novo cada semana. Porén, isto dista moito de ser real e por moito que haxa unha porcentaxe de usuarios que se gaben de coñecer mellor aos seus trebellos cá si mesmos, hai outra franxa importante de poboación á que isto non lle interesa o máis mínimo. Ben porque non teñen nin tempo nin gañas de saber que lles ofrece o móbil na súa totalidade, ben porque tampouco están capacitados/as para iso. Resultado: case todo o mundo ten móbil hoxe en día pero pouca xente tira partido de todas as súas funcións.
Asemade, isto repercute nunha desaceleración no medre dos teléfonos máis avanzados en beneficio dos máis sinxelos.
Segundo un estudo publicado por Mformation e feito sobre unha base de 4.000 usuarios europeos e norteamericanos, o emprego do teléfono como tal, como un aparello que serve para facer e recibir chamadas, non é só aplicable a unha gran porcentaxe de avós e avoas con dispositivo móbil, senón tamén a outras franxas de idade. De feito, dise na investigación, o 95% dos enquisados (xente de todas as idades) declarou que estarían dispostos a probar novas funcionalidades se os seus móbiles fosen máis doados de empregar.
Asemade, para o 61% dos participantes na devandita enquisa, o labor de configuración dun teléfono móbil é tan frustrante coma mudar de conta bancaria. Esta tarefa de posta a punto do dispositivo é o que bota cara a atrás a case a metade dos enquisados á hora de mercar un novo móbil. Segundo se advirte no estudo (do que se fai eco Baquia.com de xeito completo), case un 80% dos participantes no estudo admite que mercaría un móbil máis decote se o labor de transición non fose tan dificultosa. Isto que é aplicable á configuración, tamén o é a funcións como o acceso a Internet: na meirande parte dos casos, unha mala entrada no eido da Rede pola vía do móbil motiva o peche fulminante desta canle, en beneficio das máis populares: computador e acceso convencional.

PUBLICIDADE