A veciñanza de Tomiño poderá familiarizarse este verán coas ferramentas PassCOVID e SERGAS Móbil

luns, 2 de agosto do 2021 S. P.

O Concello de Tomiño vai organizar actividades formativas para facilitar á veciñanza o uso das aplicacións médicas PassCOVID e SERGAS Móbil, a primeira centrada en achegar información e servizos contra a pandemia, e a segunda centrada en facilitar á veciñanza todos os trámites relacionados coa súa saúde e a atención médica. O obxectivo: conseguir que os cidadáns xestionen de xeito rápido, áxil e cómodo todo tipo de cuestións sanitarias con presenza nas novas tecnoloxías.
As accións formativas van vir da man da aula CeMIT local, que organiza nesta primeira metade de agosto cursos de balde sobre as ditas ferramentas para dispositivos.“Queremos que as veciñas e veciños teñan acceso á sanidade non só de forma presencial ou telefónica, senón tamén dixital, o que ten unha morea de beneficios para a veciñanza”, destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, engadindo que outro dos obxectivos é evitar, na medida do posíbel, que a cidadanía teña que acudir ao seu centro de saúde para realizar trámites e servizos que poden levar a cabo de xeito doado coa axuda das novas ferramentas. Por exemplo a activación da Chave 365, un servizo indispensábel para obter o certificado de vacinación da COVID-19, e cuxa obtención, grazas a estes cursos, pode ser axilizada.
A aula CeMIT organizará varias quendas deste curso de 2 horas de duración na que as persoas participantes poderán adaptar os horarios ás súas necesidades sempre que coincidan co horario de apertura da aula, de luns a venres de 09.30 a 13.30 horas e os martes tamén de tarde de 16.30 a 20.30 horas.
Para inscribirse só é preciso anotarse presencialmente nas instalacións da aula CeMIT, situada no Campo da Feira; chamando ao teléfono 986 62 33 04 ou enviando un correo electrónico a cemit.tomino@xuntal.gal.

PUBLICIDADE