A veciñanza de Santiago poderá obter premios á sustentabilidade grazas á aplicación Reciclos

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

Os composteláns van ter premio cada vez que reciclen correctamente material do contedor amarelo. Esta iniciativa foi dada a coñecer este 21 de abril polo Concello, que informou de que a cidade é a primeira das urbes galegas que aposta por Reciclos, o sistema que recompensa á cidadanía por botar recipientes plásticos (latas, botellas e outros recipientes) aos contedores amarelos (case 600 en todo o termo municipal). O sistema, que beneficiará potencialmente aos 97.000 residentes na cidade, tradúcese en premios sustentables de carácter comunitario e social (como contribucións ao proxecto Preto de vivir quero para a recuperación de espazos urbanos verdes). Tamén poderán optar a sorteos de vehículos sustentábeis, como patinetes eléctricos. O único requisito que se pide, amais dun correcto uso do contedor, é informar de cada contribución ao mesmo co teléfono móbil.
Trátase dunha iniciativa conxunta do Concello de Santiago, Xunta e Ecoembes, que presentaron este mércores 21 Mila Castro, concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns do Concello de Santiago de Compostela; Ángel Hervella, director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes; e Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Segundo fixeron saber, para facer uso de Reciclos os cidadáns de Santiago teñen que rexistrarse na webapp do mesmo nome e, en casa, escanear o código de barras do envase que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao colector amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala nun colector amarelo e escanear o código QR que hai no colector. Ao facelo, obterán puntos, denominados “Reciclos”, que poderán cambiar polas distintas recompensas que teñan dispoñíbeis. “Estes puntos terán un límite semanal co fin de que os cidadáns non só reciclen máis e mellor os seus envases, senón que consuman de forma responsábel”, explicaron.

PUBLICIDADE