A veciñanza de Ponteceso pode beneficiarse da formación tecnolóxica da Aula Mentor

mércores, 4 de xaneiro do 2023 S. P.

Ponteceso recibiu este mércores 4 de xaneiro a visita da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen aproveitou a estadía para lanzar un convite aos veciños a aproveitar a oportunidade de mellorar a súa formación tecnolóxica que lles brinda o Goberno e o Concello co “amplo programa de formación que ofrece a Aula Mentor”, dixo. Rivas presentou o programa na Biblioteca Municipal, acompañada polo alcalde, Lois García. A subdelegada felicitou ao rexedor pola súa iniciativa, que “permite ao Concello de Ponteceso sumarse a un programa de formación en liña non regulada para persoas adultas do Ministerio de Educación”.
María Rivas lembrou o programa Aula Mentor leva anos funcionando con éxito en distintos municipios da provincia e expresou a súa confianza 2en que tamén os veciños e veciñas de Ponteceso sacarán proveito desta oportunidade”.
Rivas destacou que, con Aula Mentor, o Ministerio de Educación impulsa a aprendizaxe aberta, libre, aberta e accesíbel para a poboación ao longo de toda a vida, en colaboración co Concello. O espazo de formación, situado na Biblioteca Municipal de Ponteceso, está destinado a maiores de 18 anos e conta cun catálogo de máis de 170 cursos clasificados por áreas formativas cos que ampliar as competencias persoais e profesionais.
O Concello de Ponteceso incorpórase este ano a rede de aulas Mentor, grazas á sinatura dun convenio de colaboración. Ao sumarse a esta iniciativa que funciona en toda España, os veciños e veciñas de Ponteceso poden acceder a formación en liña, tanto desde o seu domicilio como nos computadores que pon ao seu dispor o Concello na Biblioteca Municipal. A través da aula pódese obter formación en áreas como informática e Internet, ofimática, deseño e autoedición, deseño web, medios audiovisuais, redes e equipamentos informáticos, instalación e control, programación, educación, emprendedores, saúde, entre outras.
Os cursos teñen validez oficial e unha vez superados obtense un certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Segundo explicou Rivas, “a duración dos cursos depende do tempo que lle dedique cada estudante, xa que se trata dunha formación a distancia e flexíbel”.

PUBLICIDADE