A veciñanza de Lugo xa pode facer propostas de acción local pola vía telemática

luns, 6 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Os orzamentos participativos de Lugo, o programa para a implicación cidadá na vida pública municipal a través da vía tecnolóxica, están activos con páxina web de seu para que as veciñas e veciños poidan, literal e virtualmente, erguer a man e presentar propostas de iniciativas propias e votar as dos demais. Trátase da web loop.lugo.gal, cuxa actividade insírese na primeira fase do proxecto (até o 9 de setembro) de orzamentos participativos que impulsa o actual Concello.
Esta fase complétase coa vía presencial para presentar propostas, no rexistro de Concello, até o 7 de setembro.
Para impulsar a iniciativa, este 8 de agosto celébrase no local dos maiores do Sagrado Corazón, a partir das 20.00 horas, unha xuntanza cos veciños e veciñas para informalas das posibilidades da iniciativa. Trala reunión desta semana, o Goberno local achegarase a outros barrios da cidade. A información sobre estas citas será incluída puntualmente en www.lugo.gal e nas redes sociais.
Os orzamentos participativos veñen cunha contía total de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018, cuxo destino será decidido pola cidadanía a través das súas propostas.
Esta é, como dixemos, a primeira fase dos orzamentos participativos, a recollida de propostas de diferentes investimentos de até 15.000 euros, que estará aberta ata o 9 de setembro. Pode concorrer calquera persoa empadroada en Lugo ou con vencellos co municipio, sexa por estudos ou traballos.
Trala primeira fase, virá a de avaliación da viabilidade das propostas, por parte dun equipo técnico municipal. Logo, unha terceira de votación das propostas, tecnicamente viábeis. Nesta fase poderán participar persoas empadroadas, maiores de 14 anos. A última fase é a de execución das actuacións que a xente decidiu e votou.
Os obxectivos do Concello son os seguintes: fomentar a participación a través dun exercicio público transparente (procurando a maior participación veciñal posíbel, que permita a implicación activa das e dos lucenses co desenvolvemento local do seu municipio), promover que a cidadanía sexa activa nos acontecementos e decisións e mellorar a comunicación entre Concello e veciñanza.
Proxecto encargado a SIVSA
SIVSA, histórica empresa TIC galega (foi fundada en 19879, vai ser a encargada de achegar o alicerce tecnolóxico integral da política cidadá e transparente do Concello de Lugo. Así nolo contou a empresa tecnolóxica con sede en Vigo os días pasados, que sinala que o Goberno lucense apostou por ela para a posta en marcha da plataforma tecnolóxica que permitirá a presentación, validación, votación e xestión da execución dos seus orzamentos participativos de 2018, un sistema polo que os cidadáns poderán decidir unha parte (350.000 euros) dos recursos municipais.

PUBLICIDADE