A veciñanza da Pobra coñeceu de primeira man os mellores recursos para protexerse nas redes

martes, 30 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Asociación Mulleres en Igualdade (Madoan) de Pobra do Caramiñal organizou os días pasados unhas xuntanzas dirixidas a fomentar os mellores xeitos de tirarlle partido ás redes, sen risco de sermos obxectos de roubos de información, datos persoais ou cartos. As Xornadas de Seguridade Informática e Novas Tecnoloxías desenvolvéronse dende o xoves 25 até o luns 29, e contaron con profesionais da empresa local ElMuelle Servizos Informáticos. Os encontros, que reuniron a empresarias/os e traballadoras/es de toda a bisbarra de Barbanza, tiveron financiamento de fondos europeos Feder, do Ministerio de Industria (Plan Avanza) e da Secretaría Xeral de Modernización (Xunta). O gran obxectivo das sesións foi achegarlle á veciñanza de Pobra e do Barbanza os máis empregados métodos tecnolóxicos para empregar os equipos informáticos con confianza e seguridade.

Equipos que adoitan a ter conexión a Internet, con todo o que iso implica: son ferramentas que máis tarde ou máis cedo, ben para comunicármonos ben para facer transaccións ou compras, van requirir que subministremos os nosos datos persoais. Nas xornadas, informa Madoan, púidose observar unha necesidade no eido da protección en liña, pero non só enfocado á protección das empresas, senón tamén á dos usuarios en xeral, “posto que Internet é un medio co que se trata decote e que avanza a unhas velocidades non coñecidas en ningún outro medio de información e interactividade, que precisa dunha actualización constante sobre todo, en materia de seguridade”. É por este motivo que dende a Asociación Madoan e El Muelle Informática acordaron a celebración dunhas novas Xornadas de Seguridade Informática abertas ó público en colaboración coas distintas asociacións de empresarios que estean dispostos a participar da súa realización, durante previsiblemente o primeiro trimestre do ano 2011.

PUBLICIDADE