A última xira do youtuber coruñés Wismichu provoca polémica polos seus contidos

xoves, 10 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe en Twitter podiamos ver como o nome dun youtuber conseguía destacar entre a actualidade política, deportiva e televisiva que habitualmente son tendencia, pois os medios de comunicación estaban a facer eco dunhas serias acusacións contra o coruñés Wismichu, asegurando que o seu espectáculo presentaba “contido sexual ante menores”, á vez que recollían declaracións dunha nai que se sentiu agredida polo ton do espectáculo, dando detalles sobre o mesmo que parecen moi afastados da realidade, e da que diversos medios (prensa, radio e televisión) recolleron as súas declaracións, que non foron contrastadas coas de outros asistentes ao espectáculo, xa que non faltaron os comentarios de moitos seareiros de Wismichu que si acudiron ao show en Santa Cruz de Tenerife desmentido a narración dunha muller que estaría a amosar unha indignación moi pouco xustificada, xa que o rexistro que presentou o célebre coruñés foi idéntico ao que usa nos seus vídeos na Rede, polo que os asistentes estaban sobradamente informados do que ían atopar, e tal descoñecemento só podería atribuírse á irresponsabilidade dos adultos que acompañaban aos menores. De feito, e pese ao que publicaron algúns xornais, o espectáculo Hay un Wismichu en mi está cualificado para maiores de 16 anos, de xeito que os menores de 16 anos deben acudir acompañados por un adulto (que é sobre o que recae a responsabilidade).
Dende a organización tamén deixan claro que o espectáculo é unha ficción, en ton de humor e sátira, cunha serie de gags ao redor do personaxe de Wismichu, polo que as situacións hai que entendelas no seu contexto, de xeito que, aínda que poida criticarse o ton ou o gusto do espectáculo, estamos ante elementos claramente subxectivos, e as críticas dos que se sentiron ofendidos están lonxe de ser maioritarias entre os asistentes, como demostra o impresionante éxito que teñen as xiras de Wismichu por todo o Estado.
Tras unha xornada moi complicada, Wismichu publicou un vídeo no que defendeuse das acusacións, deixando claro que nin se representaron as situacións que a principal autora das declaracións sobre a polémica (Maite Guigou) manifesta, nin pareceu que a indignada entendese que varias das prácticas das que critica a súa mención o que acontece realmente é que Wismichu e os seus colaboradores están precisamente amosando publicamente o seu rexeitamento ás mesmas.
Temos así unha polémica extraordinariamente amplificada polo poder das redes sociais, que posiblemente quede nunha mera anécdota, aínda que os medios dos que fixeron da mesma unha bola de neve deberían tomar nota e evitar verter acusacións alegremente contra figuras ás que, ou descoñecen e/ou temen, por manexarse nuns rexistros diferentes aos que están afeitos.
Resulta bastante curioso que a polémica só xurda nunha das actuacións, pois estamos ante unha xira, aínda que en Galicia teremos que agardar varias semanas para gozar da mesma, estando programado o espectáculo Hay un Wismichu en mi o 16 de abril na Coruña e o 17 de abril en Vigo, con dúas sesións por cidade, aínda que cómpre salientar que xa están esgotados os billetes na sesión matinal da Coruña e na sesión de tarde de Vigo.

Vídeo no que Wismichu deféndese das acusacións sobre o seu espectáculo

PUBLICIDADE