A tropa de trapo estréase hoxe en Rusia con 164 copias

venres, 30 de setembro do 2011 Raquel Noya

A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol, o primeiro filme de animación galego en 3D estereoscópico que hai un ano arrasaba nas salas de cine do noso país, vén de botar áncoras en Rusia onde deleitará aos nenos da rexión coas aventuras do grupo de amigos máis peculiar do noso cine de animación.
A venda de dereitos á distribuidora rusa Kinoprome foi xestionada pola axencia de vendas internacionais 6Sales, sendo a primeira vez que estrean unha película en Rusia con 164 copias. A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol xa foi vendida a moitos outros países como Francia, Alemaña, Italia, India, Polonia, Corea, antiga Iugoslavia, Israel, Perú, Bolivia, Ecuador, Tailandia, China, Turquía e Indonesia; e nesta nova entrega chega a Rusia coa intención de cativar tamén ao público infantil dese país.
A tropa de trapo, da que temos falado en moitas ocasións neste medio, é a historia protagonizada por Mumu, Rita, Milo, Talalo, Olga e Alfred, un grupo de simpáticas mascotas de trapo que viven xuntas unha apaixonante aventura que sorprende aos pequenos e non tan pequenos.
A película, asemade, ofrécelles aos nenos e nenas a oportunidade de aprender e consolidar valores tan importantes como o de aceptármonos e querérmonos tal como somos.

PUBLICIDADE