A transcrición automatizada das vistas contribuirá ao Expediente Xudicial Electrónico

luns, 3 de xuño do 2019 Redacción

A Xunta está a analizar as ferramentas tecnolóxicas que permitan a transcrición automatizada das vistas, unha solución que evitaría a visualización completa dun xuízo cada vez que se precise consultar un testemuño ou un momento concreto da vista, tal e como avanzou hoxe a directora da AMTEGA, Mar Pereira, na súa intervención no Encontro de presidentes de Salas do Contencioso Administrativo dos Tribunais Superiores de Xustiza de España, hoxe na Coruña.
A directora da AMTEGA lembrou que Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) e que agora se traballa para conseguir a súa implantación efectiva, con medidas para mellorar tanto automatización dos procesos como a experiencia dos profesionais do eido xudicial.
Así, xunto coa transcrición automatizada das vistas, Mar Pereira avanzou que se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais e doutros actos procesuais así como a integración electrónica dos expedientes doutras administracións.

Salas de vistas dixitais

Pereira sinalou que a implantación da administración xudicial electrónica vai acompañada da dotación e renovación continuada do medios tecnolóxicos e da incorporación de novos servizos dixitais para profesionais e cidadáns
Actualmente, preto do 90% das salas de vistas dispoñen do sistema eFidelius, integrado coa sinatura electrónica e o 100% dos partidos xudiciais contan con acceso a videoconferencia, con 113 equipos distribuídos polo territorio.
En 2018 púxose en marcha unha nova modalidade de salas de vistas (Salas EXE) orientadas á celebración da vista nun contexto completamente dixital. Está implantada en 10 salas e este ano alcanzaranse outras 30.

Demandas e descargas de vistas online

Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica. procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Está dispoñible no 100% dos partidos xudiciais desde o segundo semestre de 2018 e xa se presentaron máis de 1.100 monitorios online.
A través da Sede Xudicial Electrónica os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo a miña carpeta, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.
Para os profesionais a sede xudicial está a ofrecer novas funcionalidades como as descargas de vistas online, que se está a pilotar en tres órganos xudiciais.

Sinatura Dixital

O 51% dos órganos xudiciais ten habilitada a sinatura dixital a día de hoxe. Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial que centraliza nun único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.

PUBLICIDADE