A tramitación online superou o 50% das xestións realizadas coa Administración galega

luns, 5 de agosto do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de facer balance da aceptación do servizos dixitais da Administración autonómica entre a cidadanía, poñendo o foco no grao de implantación, na axilidade ou na accesibilidade, entre outros parámetros. Un dos datos máis salientábeis fai fincapé na sede electrónica, renovada hai un ano para mellorar a súa marxe uso e concentrando no seu seo a maior taxa de xestións en liña que leva a cabo a cidadanía galega: o 66% das usuarias e usuarios cualifica o seu funcionamento como bo ou moi bo.
Estes e outros datos foron recadados a través de enquisas, estes últimos meses, e teñen a utilidade de “coñecer o seu grao de satisfacción, recoller suxestións e definir futuras liñas de actuación para evolucionar o funcionamento da sede”, informa AMTEGA, engadindo que a través destes inquéritos demostrouse como a xestión online está a consolidarse entre a poboación galega como “a opción para relacionarse coa Administración”. Así, entre xaneiro e xuño de 2019, máis do 50% das xestións rexistradas fixéronse co dito formato, ben a través da sede electrónica da Xunta ou das oficinas virtuais, ou no rexistro electrónico.
Os devanditos son datos recollidos no informe sobre o sistema de indicadores do Plan de Goberno e Administración Dixital de Galicia 2020, elaborado pola AMTEGA, sendo o obxectivo (o dos ditos indicadores) dar conta da evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais para comprobar o nivel de adaptación ás obrigas da Lei 39/2015, recollendo tanto información de uso por parte de cidadáns e empresas como a nivel interno.
O informe tamén constata o incremento por parte do empregados públicos da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, con 4,7 millóns de consultas no primeiro semestre do ano e 64 servizos. Esta plataforma experimentou un aumento no número de consultas de máis do 32% no último ano.
Por outra banda, a investigación tamén certifica que as notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 41%, pasando máis de 137.000 en 2018 a máis de 233.800 en xuño de 2019.
Amais, prosegue o seu espallamento o uso da sinatura dixital no funcionamento interno da Administración e na relación con outras administracións e entidades, que poden empregar a Sala de Sinaturas para rubricar documentos. No primeiro semestre deste ano rexistráronse na Xunta máis de 1,8 millóns de documentos asinados electronicamente fronte a algo máis de 1 millón de 2018.
Lei de Administración Dixital
Estes e outros datos teñen gran interese en relación á Lei de Administración Dixital de Galicia, recentemente aprobada, que pon o foco na necesidade de derrubar barreiras entre a cidadanía e administración, favorecendo ao máximo a súa relación a través das novas canles. O novo marco xurídico establece a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de Oficinas de Atención á Cidadanía, nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital.
En liña co anterior está a figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
Ademais, a norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais
En palabras de AMTEGA, “a Administración do futuro máis inmediato busca ter unha visión integral do cidadán, que estea no centro de todo o proceso e que non sexa un actor máis. Conseguilo dará resposta a demanda da sociedade de ter ao seu alcance unha administración máis transparente, proactiva e con máis e mellores servizos”.

PUBLICIDADE