A tramitación de licenzas urbanísticas axilizarase coa plataforma dixital da COAG

mércores, 8 de xullo do 2020 S. P.

A Administración autonómica formalizou este mércores 8 de xullo un importante avance en materia de Administración Electrónica. Máis en detalle, asinou un acordo co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para axilizar a tramitación de licenzas urbanísticas botando man da plataforma dixital do colexio. O convenio foi asinado pola decana Elena Ampudia e pola directora da axencia, Mar Pereira, acompañadas da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.
En virtude desta alianza, sinalaron, “lógrase a interoperatibilidade entre o procedemento de tramitación de traballos profesionais do Colexio de Arquitectos de Galicia e o procedemento de tramitación de licenzas e outras tramitacións urbanísticas das distintas Administracións públicas a través do nodo de interoperabilidade da Xunta de Galicia”. O acto celebrarase na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia, na Casa da Conga situada na Praza da Quintana en Santiago de Compostela.
Elena Ampudia explicou que o uso da plataforma colexial, como “gran contedor de documentación”, garante a implantación e desenvolvemento da tramitación telemática nas administracións de maneira “eficiente” con independencia do grao de desenvolvemento tecnolóxico do administrado. Engadiu que “este operativo” ofrecerá validez legal á documentación que se incorpora nos expedientes administrativos, e “certificará a seguridade xurídica de todos os actos administrativos”, ao tempo que “permitirá a redución de custos para a administración, o cliente e os arquitectos e a redución dos prazos de tramitación e a axilidade na concesión de licenzas”.
O acordo, que terá unha duración de catro anos, facilitará o fornecemento da documentación técnica dos traballos profesionais desde o Colexio de Arquitectos ás distintas Administracións públicas galegas interesadas, a través dos sistemas da Xunta de Galicia. Deste xeito, a documentación técnica ligada á tramitación de licenzas e outras tramitacións urbanísticas, a presentar polo administrado, será directamente obtida por parte do sistema de interoperabilidade da Xunta desde o sistema de xestión do Colexio de Arquitectos, previa autorización dos técnicos autores e do propio administrado, co obxecto de que sexa accesible polas distintas administracións.
Tamén o convenio permitirá a normalización da documentación técnica e administrativa de carácter xeral. A documentación técnica correspondente aos traballos profesionais obtida do sistema de tramitación do COAG atoparase tipificada, estruturada e asinada conforme ao modelo normalizado que o Colexio de Arquitectos se encarga de ter axeitadamente actualizado en correspondencia coas disposicións legais vixentes de carácter xeral.
Ademais, ofrecerá garantía sobre a identidade e habilitación dos técnicos redactores no caso de traballos visados e sobre a identidade e colexiación. O procedemento de tramitación colexial inclúe estas verificacións dos técnicos asinantes, polo que se evitará a solicitude e xestión de documentación adicional para a verificación por parte das diferentes administracións.

PUBLICIDADE