A terceira parte de Galicia non ten cobertura de teléfono nin ADSL

martes, 29 de maio do 2007 Marcus Fernández

A fenda dixital en Galicia depende de moitos factores tanto sociopolíticos coma tecnolóxicos, pero en canto a infraestruturas de telecomunicacións a nosa comunidade autónoma está entre os territorios máis atrasados de Europa, xa que a terceira parte da xeografía galega non conta con cobertura de teléfono nin de posibilidade de liñas ADSL segundo datos do Ministerio de Industria e de Eurostat.
As operadoras de telecomunicacións botan a culpa desta situación non á súa falta de investimentos, senón á oposición dos concellos a permitir a instalación de antenas de telefonía móbil (pois no 90% das ocasións denegan os permisos correspondentes alegando razóns de saúde pública) polo que na actualidade hai máis de 100 millóns de euros en investimentos agardando ós permisos administrativos correspondentes.
Denuncian que os trámites administrativos para as instalacións de antenas son os máis lentos da Unión, e así, mentres en Portugal se pode acadar un permiso en menos de 20 días, en España a media está en 540 días, negándose moitos concellos á instalación tanto de antenas para dotar de cobertura GSM básica coma de UMTS.
A extensión da telefonía móbil rural en Galicia afecta a 269 poboacións, das que o 40% non se poderán concretar por falta de apoio dos seus alcaldes.
No tocante ó espallamento da banda larga, tanto Telefónica coma R están a instalar liñas de cable para chegar ós seus usuarios, pero se trata dun proceso máis lento que o da telefonía móbil, polo que o compromiso de que o 100% de Galicia teña acceso de banda larga á Rede a finais de 2008 parece dificilmente posible.

PUBLICIDADE