A terceira edición do Congreso #InLugo confirmou a súa pegada nas redes sociais

luns, 11 de maio do 2015 Redacción

Apertura do congreso a cargo da vicepresidenta da Deputación e o alcalde de Lugo

Lugo volveu ser a capital da nova comunicación os pasados 8 e o 9 de maio. E foino grazas á terceira edición do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo, un evento organizado pola Deputación Provincial co fin de quitarlle punta ao fenómeno da Sociedade do Coñecemento presente e futura, obxectivo para o cal contou novamente con algúns dos máis reputados analistas tecnolóxicos dos ámbitos galego e estatal. O evento quixo tocar o tema das redes sociais, ser el mesmo unha rede social e mesmo influír nelas. Así, por unha banda, o salón de actos do Pazo de San Marcos rexistrou cheo total ao longo das diferentes sesións, amais de ter seguimento a través de streaming, en tempo real, por parte de centos de internautas (grazas á Fundación TIC). Doutra banda, volveu ser referencia nas redes sociais, coa etiqueta #inlugo15 converténdose en trending topic a nivel estatal durante boa parte da tarde da primeira xornada, con case 3.000.000 de impresións en Twitter.
A vicepresidenta segunda, Lara Méndez, acompañada do alcalde de Lugo, José López Orozco, foron os encargados de inaugurar, o venres 8, o terceiro Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo. A vicepresidenta celebrou “o éxito do evento e dos premios” e destacou que “con máis de medio cento de candidaturas presentadas este ano nas catro categorías, e o cheo absoluto do salón de actos de San Marcos, podemos afirmar que a xuntanza é xa unha referencia no mundo das redes sociais e das novas tecnoloxías”. Pola súa banda, o rexedor resaltou a importancia dos coñecementos que os cidadáns lugueses poden adquirir neste congreso; e admitiu que para el sería “difícil vivir na actualidade sen tableta ou sen smartphone”.
O director de Eldiario.es, Ignacio Escolar, abriu o primeiro ciclo de relatorios e falou do cambio que supón, para o xornalismo. o auxe dos medios dixitais. Desde a súa visión de xornalista experimentado, pero tamén como directivo e accionista do medio no que traballa, Escolar falou da crise no modelo de negocio dos xornais tradicionais, no seu modelo editorial e mesmo na súa credibilidade, por ter perdido independencia. “Cando os xornais entran en números vermellos, o primeiro que sae pola porta da redacción é a liberdade dos xornalistas”, sinalou, defendendo que os xornais dixitais ben xestionados poden ser máis independentes e rendibles que os de papel. “Os nosos subscritores pagan para que a información siga sendo libre”, engadiu.
A continuación chegou a quenda da primeira mesa redonda da tarde Marketing online en grandes marcas, coa presenza de Núria Padrós, directora xeral de Ogilvy PR Barcelona; Diana Morales, responsábel de Estratexias en Redes Sociais de Movistar España; e Juan Andrés Milleiro, responsábel de Redes Sociais de NH Hotel Group. Os tres relatores compartiron con exemplos reais a súa ampla experiencia no trato cos clientes a través das redes sociais, coincidindo en que a miúdo as dificultades e problemas poden converterse en oportunidades cunha boa estratexia. “Usando ben estes medios podemos conseguir que os nosos clientes estean máis contentos con nós”, asegurou Milleiro.
Tras unha pausa, os avogados Alejandro Touriño e Pablo Burgueño especializados en tecnoloxía e redes sociais, e membros respectivamente dos bufetes Écija e Abanlex, falaron de aspectos legais a ter en conta á hora de usar Internet e as redes sociais, nunha nova mesa redonda. Segundo nos conta a organización do evento, Touriño e Burgueño expuxeron numerosos casos reais de situacións como o emprego non autorizado de fotografías de terceiros, inxurias ou suplantación de identidade. Ademais, responderon ás dúbidas e preguntas do público sobre estas e outras cuestións.
Segundo informa a Deputación Provincial, a xornada rematou cun fotowalk pola cidade da man de Instagramers Lugo, un paseo durante o que os participantes poderán tomar imaxes para participar no concurso #fotoinlugo15. O III Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo continuou o sábado 9 de maio coa presentación de diversos proxectos lucenses destacados na Internet e un obradoiro de competencia dixital impartido por Juan García pola mañá. Pola tarde entregáronse os Premios #InLugo e desenvolvéronse oito microrrelatorios de temáticas variadas. O presentador do evento, o cómico Víctor Grande, pechou o acto cunha actuación de humor musical.

PUBLICIDADE