A terceira edición de 21 días co galego e + arrinca coa participación de 4.000 escolares
luns, 22 de febreiro do 2021
Entre
as iniciativas para dar impulso á nosa lingua no ámbito docente sen
dúbida brilla con luz propia a experiencia de 21 días
co galego, posta en marcha hai anos no IES da Pobra do Caramiñal pola
profesora Pilar Ponte, que foi quen de mobilizar a unha chea de
rapazas e rapaces para que se lanzasen a falar a nosa lingua, sen
interrupción, durante o número de xornadas que se estipula no nome
do proxecto. Tal e foi a repercusión da proposta que a Consellería
de Cultura e Educación e a Secretaría Xeral de Política
Lingüística decidiron levala máis aló do local e estendela a todo
o ámbito galego. Tal e como se prevía, o chimpo autonómico de 21
días co galego (chamado agora 21 días co galego e +)
saldouse cun notábel éxito nas súas dúas primeiras edicións.
Para
a terceira entrega, xa acadou a implicación directa de 4.000
estudantes de dez centros de ensino, que comezan o reto das máis de
cincocentas horas convertidos en galegofalantes.
Estes
e outros detalles foron dados a coñecer este luns polo secretario
xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou
na vídeo-reunión de apertura desta terceira edición do programa da
Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Como
novidade, a iniciativa amplíase como experiencia piloto á etapa de
Primaria.
Valentín
García aproveitou para agradecer “o esforzo do profesorado,
especialmente dos equipos de dinamización da lingua galega, e da
comunidade educativa en xeral”, xa que “aínda que o alumnado é
o protagonista, o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de
administración e servizos dos centros educativos participantes son
determinantes para o éxito da actividade”.
García
quixo incidir na importancia “desta oportunidade para visualizar a
lingua entre a mocidade e animala a que incorpore o idioma aos seus
usos lingüísticos, a través de actividades lúdicas e orixinais, e
tamén nas súas relacións persoais e no emprego das tecnoloxías”.
Tamén
participaron na apertura o presidente da Real Academia Galega, Víctor
F. Freixanes, e os coordinadores da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio
García.
Agora
tamén en Primaria
Entre
as novidades, e na súa aposta por medrar dinamizando, o programa
esténdese de maneira piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada
de Lugo coa participación de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desta
etapa. Ademais de incluír alumnado desde os 8 anos neste centro de
Lugo, súmanse tamén á iniciativa os IES coruñeses As Mariñas
(Betanzos), Carral e Lamas de Abade (Santiago de Compostela); o
Perdouro (Burela); os ourensáns Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e
Taboada Chivite (Verín); e os pontevedreses Ramón Cabanillas
(Cambados), Sánchez Cantón e Santa Irene (Vigo).
Ademais,
incorpora tres importantes colaboracións externas: a do programa
Galicia por Diante da Radio Galega, que terá unha sección
diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán
á audiencia os temas que abordaron e como está a ser a súa
participación; a do programa #DígochoEu! da TVG, con
encontros entre o equipo audiovisual e os dez centros educativos
participantes e tamén coa realización de vídeos propios do formato
deste espazo de grande éxito entre a mocidade; e a do Foro
Peinador, que achegará o eido da empresa en galego aos centros
educativos para “poñer en valor a importancia do mundo laboral no
desenvolvemento cultural da sociedade”.
Todo
isto poderase seguir desde o blog
21 Días co Galego e + e tamén desde o Portal
da Lingua Galega.
A
orixe do proxecto
A
iniciativa 21 Días co Galego e + é unha actividade promovida
pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en 21 Días co galego,
unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran
necesarios na adquisición dun hábito, desenvolveuse no IES da Pobra
do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso
2018-2019, a Xunta asumiu como propio para facelo extensivo a outros
centros galegos. A iniciativa recibiu os premios Rosalía de Castro
de Lingua 2019 da Deputación da Coruña e da Cultura Galega 2019 da
Xunta na modalidade de Lingua.
Toda
a actividade na Rede
O
soporte central da iniciativa é o blog 21
Días co galego e +, onde se mostran as creacións das e dos
participantes, que deberán seguir e actualizar cada día os centros
para recibir contidos. Nesta web poderán consultar o reto que
deberán superar en grupo unha vez á semana ou as gravacións
individuais que terán que realizar as rapazas e rapaces para deixar
constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a
experiencia. Así mesmo, estarán dispoñíbeis no blog as
presentacións dos participantes e as creacións realizadas sobre
contidos elixidos por eles, e as fins de semana as familias tamén
recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas
fillas e os fillos, entre outros contidos.
A
iniciativa 21 Días co galego e + está centrada no
fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa
modernidade, coas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación)
e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na
aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo. Ademais, “co
obxectivo de facer máis atractivas as actividades propostas”,
introduce elementos de gamificación que poden ir desde os
xogos máis tradicionais a experiencias innovadoras, entre elas
tarefas colectivas como os retos.