A terceira convocatoria de BFAero impulsará proxectos para combater a COVID19

martes, 7 de xullo do 2020 S. P.

A aceleradora galega Business Factory Aero (BFAero), referencial punto de lanzamento de iniciativas aeronáuticas e tecnolóxicas, vén de celebrar a presentación virtual de lanzamento da súa terceira convocatoria, que incluirá, entre outras novidades, unha temática antiCOVID. A iniciativa, inserida no Polo Aeroespacial de Galicia e no Civil UAVs Initiative (CUI) da Xunta, seleccionará na súa nova andaina sete novos proxectos con vehículos non tripulados. No acto de presentación, este 6 de xullo, relembrouse o espírito que alentou a posta en macha de BFAero: captar talento e favorecer o emprendemento no sector.
Asemade, fíxose saber que a iniciativa xa empresta apoio, grazas ás súas dúas primeiras entregas, a unha ducia de proxectos chegados de centros tecnolóxicos, universidades e spin-out empresariais: nove deles galegos e tres do resto de España.
Nesta terceira convocatoria escollerá sete novas ideas, tres para o seu programa de incubación e catro para o de aceleración.
Nas dúas primeiras convocatorias, un total de 94 candidaturas optaron ás doce prazas finais. Este ano o prazo de presentación de iniciativas estará aberto ata o 22 de outubro ás 14.00 horas. Como novidade con respecto ás dúas primeiras edicións, BFAero inclúe unha nova área temática para a presentación de proxectos: a de ideas innovadoras para combater a COVID-19 a través de solucións con vehículos non tripulados.
Tras unha breve presentación inicial por parte de Francisco Conde, conselleiro de Economía, o acto de presentación contou cun vídeo de lanzamento e dúas mesas redondas: unha coa participación das entidades tractoras de BFAero e outra con representantes dos proxectos seleccionados na primeira e na segunda edición, que falaron da súa propia experiencia na aceleradora.
As empresas e startups cunha idea innovadora para o uso de vehículos non tripulados (aéreos e mariños) teñen a oportunidade de presentarse a esta terceira convocatoria, que conta cun importante apoio de entidades públicas e empresas multinacionais de referencia como Indra e Babcock.

PUBLICIDADE