A televisión do futuro verase en 3D
xoves, 13 de novembro do 2008
Grazas ao
desenvolvemento dun tipo de tecnoloxía dixital que se está a probar xa nas
retransmisións deportivas dalgunhas cadeas internacionais, os espectadores de
televisión do futuro imos camiño de poder
ver os nosos programas favoritos en tres dimensións (3D) a medio prazo, obtendo
unha experiencia semellante á que se produciría se de súpeto nos dera por mirar
pola fiestra e observar o que fan os nosos veciños.
Así o veñen deafirman os expertos responsables nunha conferencia do American Film Market
(AFM), onde os promotores da nova xeración de sistemas e contidos para
visionado en tres dimensións “vaticinaron
o definitivo agromar do chamado 3D nun prazo de dous anos, logo de pasar
primeiro polas salas de cine”.
Polo de agora, xa
está previsto que un total de 16 filmes deste tipo cheguen á carteleira en
2009, unha cifra que se irá incrementando paseniño nos vindeiros anos, a medida
que se vaian incrementando o número de salas preparadas para a súa
distribución.
Directores como
Robert Zemeckis, James Cameron, Steven Spielberg ou Peter Jackson, xa teñen
colaborado en proxectos que empregan este tipo de tecnoloxía que, segundo se
comentou no seminario Though Rose (and
Aqua) Colored Glasses: The Future of 3D celebrado nos Ánxeles no marco do
AFM, “esixe moitas complexidades técnicas
e elevados investimentos que retrasan o seu despregamento total”.
Porén os avances
tecnolóxicos deste século están axudando a derrubar moitas das barreiras no
sector e a apostar máis fortemente pola tecnoloxía 3D. De feito, a rendibilidade
de películas como a recente Journey to
the Center of the Heart, que obtivo máis de 60 millóns de dólares en
ingresos en taquilla, acabaron por desterrar as dúbidas existentes sobre o seu
éxito e nos últimos tres anos, o número de cines con capacidade para proxectar
en 3D “pasou de 87 a 1.300 en EEUU”,
segundo puidemos ler no diario dixital Cibersur,
onde tamén ser afirma que “en 2009 xa
haberá máis de 6.500 salas en todo o
mundo capacitadas para proxectar imaxes en 3D”.
O rexurdimento
das tres dimensións, non suporá, nembargantes, a fin a medio prazo das películas
tal e como se ven agora, posto que moitas producións optarán por ofrecer os
dous formatos, 3D e 2D, para cegar a un maior número de público.
Porén, un dos
problemas cos que se enfronta o desenvolvemento das tres dimensións na pequena
pantalla é a falta de estándares tecnolóxicos para a reprodución deste formato,
así como a introdución dos dispositivos electrónicos nas televisións.