A telefonía móbil perdeu 162.124 liñas no mes de marzo

xoves, 31 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Semella que a crise é crise para todas e todos, ou ben que o negocio da telefonía móbil tocou teito (en termos de novos números habilitados e achegados), pero o certo é que o mes de marzo foi o peor mes do ano en España para o sector. Así se desprende do novo estudo mensual da CMT, onde se reflicte, entre outras cousas de abondo significativas, que as operadoras perderon 162.124 liñas de telefonía móbil, tendencia que tamén é extensíbel á telefonía fixa, que caeu unha vez máis (coma en todos estes últimos anos) ao rexistrar 54.135 liñas menos. As razóns de todo isto? Pois haberá que buscalas, unha vez máis, na crise. Pero tamén, cóntase, na retirada de subvencións aos móbiles.
Como dato esperanzador para o sector das telecomunicacións, dicir que marzo trouxo boas novas para a banda larga, que foi quen de sumar 14.453 liñas, en boa medida pola actividade dos operadores alternativos. Porén, non todo foi positivo neste eido. De feito, o seu medre foi máis devagar, xa que xa a variación interanual do parque (+3,6%) foi un punto inferior en relación á de xaneiro e febreiro, informa a CMT no seu blog.
Nun plano máis concreto e volvendo á cuestión da telefonía móbil, dicir que Movistar perdeu -381.242 liñas en decembro de 2011, -32.256 en xaneiro de 2012 e -178.878 en febreiro de 2012, fronte ás +91.140, -36.270 e -209.560 que rexistrou con anterioridade para os devanditos meses, respectivamente.
Enfiando de novo coa banda larga, sinalar que segundo se desprende do estudo da CMT, os operadores alternativos sumaron no mes de marzo 19.220 liñas netas, co que lograron contrarrestar as 2.190 perdidas por Telefónica e as 2.580 perdidas polas firmas de cable. O parque de banda larga emprazouse en 11.233.109 liñas, cunha penetración de 14,3 liñas por cada 100 habitantes, case un punto superior á do anterior. No que se refire a tecnoloxías empregadas, a fibra óptica até o fogar (FTTH) foi por vez primeira a que máis xuntou ao engadir 13.514 liñas, sobre todo da man de Telefónica. O cable, que é a tecnoloxía usada por empresas como a galega R, perdeu 2.144 liñas no mes. En base a isto, Movistar amosou en marzo unha cota de mercado de case o 49%. Os alternativos da banda larga un 31,93% e os de cable case un 20%.
No que atinxe a telefonía móbil, o parque foi en marzo de 58.176.935 liñas, un 1,8% superior ao de un ano atrás. Agás Movistar, tódolos operadores gañaron liñas netas nese intre do ano. Os que máis xuntaron foron os Operadores Móbiles Virtuais (OMV), que engadiron 111.580 liñas ao seu parque. A continuación vén Orange (+29.520 liñas), Vodafone (+28.610) e Yoigo (+5.870).
A telefonía fixa, pola súa parte, amosou a mesma tendencia negativa ca nos últimos anos. Diminuíu, de feito, en 54.135 liñas. Segundo engade a CMT, foron unha vez máis os negocios os que se “levaron a peor parte”, ao perder 39.602 liñas deste tipo (fronte a 13.533 liñas residenciais menos).

PUBLICIDADE