A telefonía móbil motivou a maioría das queixas de consumidores en Vilagarcía

luns, 28 de marzo do 2016 Redacción

O Concello de Vilagarcía vén de facer reconto das reclamacións xestionadas pola súa Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC). Como dato rechamante do informe, sinalar que os produtos e servizos de telefonía móbil motivaron a terceira parte das queixas tratadas pola Oficina. Ou sexa, que a telefonía móbil segue a ser “a causa principal” das reclamacións que se recibiron no servizo. Este fixo pública a súa memoria de actividade, ano 2015, coincidindo coa celebración este 15 de marzo do Día do Consumidor. Nun plano máis concreto, do total das 310 reclamacións coas que se traballou, 118 tiveron a súa orixe nos servizos e produtos de telefonía móbil.
A segunda temática máis repetida á hora de facer consultas no apartado de servizos foi a banca e os servizos financeiros (182) e a terceira a electricidade (137). No primeiro caso, 8 derivaron en reclamación formal e no segundo 52.
No bloque de produtos, logo da telefonía móbil (que xerou 66 consultas e 17 reclamacións), a adquisición de electrodomésticos foi a temática “máis recorrente”, con 20 consultas e 5 reclamacións. Calzado e complementos, roupa e alimentación tamén propiciaron consultas e queixas, “aínda que en menor medida”, sinalou a Oficina.

PUBLICIDADE