A telefonía móbil: mellor en doses moderadas

xoves, 10 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Vale que non se ten demostrado a relación directa entre o uso intensivo do móbil e os tumores cerebrais, pero por que forzar a situación e usalo máis da conta ou deixarllo aos cativos pequenos coma se dun xoguete máis se tratase? Neste último caso, sen vontade de crear alarma, a situación é algo máis delicada, e máis se temos en conta que os nenos son nenos e polo tanto medran, así que non ten sentido sometelos a máis radiacións das que se reciben decote. Estudos como o feito hai pouco polo Comité Científico Asesor en Radiofrecuencia e Saúde (CCARS) e apoiado pola Universidade Complutense certifican que non hai relación entre vivir dentro do influxo directo de radiofrecuencia da telefonía móbil e os tumores cerebrais, entre outras doenzas. Con todo, indícase, cómpre andar con tento.
E máis se temos en conta que ao longo da investigación do dito Comité localizáronse estudos que apuntaban cara un medre do risco en certos colectivos sometidos a moitas horas de uso destes aparellos. Por estes motivos e outros (sobre todo polo de non contar cos datos definitivos que só pode subministrar o paso do tempo e, polo tanto, unha base máis sólida para traballar), os responsables do informe recomendan un uso racional dos devanditos trebellos e, tamén, permitir que as investigacións que se fagan ao respecto fiquen abertas de continuo, xa que por pequena que sexa a dúbida acerca dos efectos prexudiciais dos móbiles, esta debe xustificalo.
Segundo se conta en medios como Galicia Hoxe a respecto deste informe de CCARS, a exposición da cidadanía española aos efectos directos das radiofrecuencias ligadas ao móbil son moi inferiores aos límites establecidos pola Unión Europea. Porén, tamén neste caso se recomenda o uso do sentido común, polo que calquera iniciativa que vaia dirixida a baixar este nivel de sometemento, sempre e cando se faga dun xeito racional, deberá ser benvida. O informe sinala que o recurso máis útil para baixar a taxa é apostar por un espallamento das antenas de telefonía, que en contra do que moitos pensabamos, poderían minimizar a potencia de emisión de actuar en meirande número.

PUBLICIDADE