A tecnolóxica española GMV celebra os seus trinta anos entre científicos de primeira liña

venres, 20 de xuño do 2014 Redacción

GMV, grupo tecnolóxico español centrado en boa medida nos ámbitos aeroespacial e TIC, vén de celebrar o seu 30 aniversario cunha xornada (Unha visión de futuro) na que participaron algunhas das principais personalidades do mundo científico estatal e internacional (Michio Kaku, Eduard Punset, Daniel Sieberg, Bas Lansdorp ou Julio Mayol). Amais de celebrar as tres décadas de traxectoria da empresa tecnolóxico-dixital, o cometido da conferencia foi “proporcionar unha visión a longo prazo e sensibilizar sobre a importancia de investir en tecnoloxías que dirixan o futuro”.
A presidenta de GMV, Mónica Martínez Walter, inaugurou a xeira de actividades salientando a relevancia da innovación no presente e futuro do tecido produtivo. Tamén participou a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, quen destacou o papel despregado por GMV ao longo das pasadas décadas e “a súa fortaleza no panorama tecnolóxico español cunha continua aposta pola innovación”.
Logo, o físico estadounidense, Michio Kaku, pronunciou unha conferencia maxistral na que remarcou que a idade cibernética que vén é a “do capital intelectual”. Ao seu xuízo, “estamos a pasar dun capitalismo de bens a un capitalismo intelectual, o capitalismo perfecto, unha situación na que o consumidor terá ao seu alcance toda a información sobre os mellores produtos do mercado e iso aumentará a competitividade entre as empresas, que terán que esforzarse por ofrecer a un prezo competitivo, a mellor opción”. No seu punto de vista, no futuro inmediato mesmo será posíbel a personalización en masa dos produtos de consumo. Tamén fixo saber que “non se debe loitar contra as diferentes ondas de innovación polas que necesariamente atravesa a humanidade”. E engadiu: “Atopámonos na cuarta destas ondas e a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a nanotecnoloxía ou a ciencia molecular son os seus grandes protagonistas”. Ao seu xuízo, o fío condutor que as une a todas elas son as telecomunicacións.
Tras a intervención de Michio Kaku, o comunicador científico Eduard Punset abriu o debate co resto de participantes. Daniel Sieberg, director senior de Mercadotecnia de Google, fixo reflexionar sobre a necesidade de recuperar o equilibrio da vida nun mundo tan tecnolóxico. Na súa opinión, “debemos tomar conciencia de nós mesmos, xa que a tecnoloxía está a converterse en algo invisíbel no noso día a día, por iso debemos aprender a xestionala, prestando a atención que se merecen as persoas que se relacionan connosco”. Pola súa banda, Bas Lansdorp, CEO de Mars One (proxecto privado que pretende establecer unha colonia humana permanente en Marte), engaiolou ao público cos detalles do seu proxecto: un asentamento no planeta vermello para 2024, iniciativa para a que xa se están a atopar milleiros de voluntarios, malia que non se ofreza (en absoluto) o regreso á Terra. Na súa opinión, “a chegada a Marte en 2024 será o intre máis decisivo da historia da humanidade, o ser humano comezaría a colonización doutro planeta”. O último en intervir no debate foi Julio Mayol, director da Unidade de Innovación do Hospital Clínico San Carlos de Madrid. “A única maneira de crear o futuro é falar del”, dixo, e engadiu que na súa opinión, o medicamento do futuro terá tres elementos disruptivos: “Un novo modelo de negocio, a innovación tecnolóxica e o cambio nas persoas”. Segundo fixo saber, “o sistema sanitario non dá protagonismo ao individuo; pero no futuro o obxectivo é que os pacientes perciban a calidade da súa saúde”. Para dar valor sanitario, engadiu, “é preciso facer un cambio de modelo que nos leve ao medicamento poboacional transparente”.

PUBLICIDADE