A tecnolóxica MoonOff colabora coas empresas de Compostela Monumental

mércores, 21 de decembro do 2022 S. P.

A Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental e a empresa santiaguesa MoonOff chegaron a un acordo de colaboración por medio do cal a firma tecnolóxica e os comerciantes da zona monumental de Santiago traballarán conxuntamente na promoción de ambas as institucións, así como no desenvolvemento de accións tendentes a fomentar as vendas no Centro Comercial Aberto Compostela Monumental e a xeración de emprego por medio do Programa Integrado de Emprego de Compostela Monumental.
MoonOff é unha empresa tecnolóxica santiaguesa con sede no Polígono Industrial de Costa Vella, e que conta con filial en países como Estados Unidos, Colombia e Perú. Está especializada no deseño, innovación e fabricación de solucións profesionais en iluminación LED e de carga intelixente para coches eléctricos. A día de hoxe, segundo destaca a prensa local, MoonOff foi quen de converterse nun polo tecnolóxico de forte crecemento e facturación os ámbitos da electrónica de consumo da telefonía móbil e fixa e da iluminación LED. A isto cómpre engadir as súas solucións en enxeñaría, automatización e comercio electrónico.
Para José Manuel Bello Rey, presidente de Compostela Monumental, “é unha boa noticia para a nosa asociación que empresas da nosa cidade aposten polo comercio do centro histórico e que xuntos poidamos aproveitar sinerxías e beneficiarnos mutuamente como entidades socialmente responsábeis, axudando a dinamizar a zona monumental e colaborar co acceso ao mundo laboral de mulleres desempregadas do noso Programa Integrado de Emprego”.
A primeira das accións coas que colabora MoonOff con Compostela Monumental, é coa campaña de Nadal deste ano.

PUBLICIDADE