A tecnoloxía galega presente tamén no Mobile World Congress

venres, 2 de marzo do 2012 Raquel Noya

A plataforma de distribución de produtos electrónicos prepago, Disashop, unha firma galega cunha rede comercial de máis de 20.000 puntos de venda en 5 países do mundo, está a participar coa súa tecnoloxía de vangarda n0 Mobile World Congress, a feira de telefonía móbil de Barcelona.
Máis polo miúdo, a actividade de Disashop neste evento consistiu en facer de partner de Ezetop, unha compañía multinacional irlandesa dedicada á distribución de recargas de operadores internacionais, que se instalou nun stand de seu dende onde dar a coñecer o seu servizo de pago en liña.
No stand de Ezetop instalouse un terminal autoservicio Disashop de dobre pantalla para a realización de recargas de móbiles de Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo, Lycamobile, Llamayá e Lebara, entre outras nacionais, así como de recargas de operadores internacionais de 28 países de todo o mundo.
A ensamblaxe dos compoñentes da máquina, así como o desenvolvemento do software de venda electrónica e de emisión de contidos publicitarios son de produción propia da firma galega, que se fabrican na planta de Coirós, na Coruña, e que se distribúen dende alí aos puntos de venda que Disashop ten en España, República Dominicana, Perú, Estados Unidos e Romanía.
Disashop, que patentou este modelo de dobre pantalla para a emisión de contidos publicitarios, opera directamente coas principais compañías de telecomunicacións e medios de pago electrónicos de todo o mundo, e ofrece servizos a particulares que van dende as recargas de teléfonos móbiles nacionais e internacionais ata a venda de tarxetas telefónicas internacionais, ou mesmo pago de facturas e lotería de Nadal en liña.
Na actualidade, Disashop asegura xestionar 350.000 transaccións diarias, e en 2011 acadou unha facturación de 310 millóns de euros en vendas.
Pola súa banda, o partner da galega no MWC, Ezetop, ofrece servizos en máis de 130.000 puntos de venda en Estados Unidos, Europa e a rexión do Golfo, así como, a través da súa páxina web oficial.
A actividade comercial que desenvolve Ezetop permítelle ás persoas que viven e traballan no estranxeiro recargar os teléfonos móbiles dos seus familiares ou amigos na casa.

PUBLICIDADE