A tecnoloxía española darase a coñecer en EE.UU. a través do Plan Made In /Made By Spain

luns, 16 de marzo do 2009 Raquel Noya

O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, presentou o pasado venres, un informe perante o resto dos membros do Goberno sobre as actuacións do novo Plan de Imaxe das Empresas Españolas no Mercado Estadounidense, Plan Made In / Made By Spain, unha ferramenta clave para facilitarlle o acceso dos productos e empresas españolas no exterior.
Trátase dun proxecto composto por máis de cincuenta actuacións articuladas en torno a distintos eixes sectoriais nos que as empresas españolas son punteiras, como tecnoloxía (infraestuturas e enerxías renovables), gastronomía, moda e industrias ligadas ao español.
O Plan ten unha duración de dous anos e conta cunha dotación presupostaria de 20 millóns de euros en 2009; diríxese a un público profesional e especializado, con capacidade de influencia e decisión e está composto por máis de cincuenta accións anuais en torno a catro eixes principais que son: a promoción da tecnoloxía española en áreas como as infraestruturas, as enerxías renovables, as TIC aplicadas á sanidade e á educación…, así como a promoción das industrias culturais, da gastronomía e da moda.
O principal obxectivo deste proxecto é contribuir a cambiar a percepción de España nos EE.UU. por unha “máis acorde coa realidade actual do noso país” mediante a promoción da imaxe dos nosos produtos, servizos e marcas. Asemade, o plan pretende apoiar a estratexia de penetración de produtos e empresas españolas en Estados Unidos.

PUBLICIDADE