A tecnoloxía de Gradiant fixo posíbel unha app que permite a máxima seguridade nas transaccións bancarias

mércores, 10 de xullo do 2013 Redacción

O centro Gradiant vén de ampliarnos a información sobre a natureza e aplicacións concretas das súas investigacións en recoñecemento facial, traballos dos que xa temos dado conta en Código Cero, en 2010 explicando as metodoloxías a seguir e recentemente coa presentación dos mesmos, co punto de vista nos móbiles, no salón Mobile World Congress de Barcelona. Pois ben, para ir poñéndonos en materia, dicir que a liña tecnolóxica aberta por Gradiant xa posibilitou a creación dunha app para móbiles que permite levar a cabo transaccións bancarias máis seguras, unicamente introducindo un número PIN convencional. Este desenvolvemento, que tivo ampla repercusión no dito salón de Barcelona, abre ao mesmo tempo un mundo de posibilidades. De feito, a empresa que comercializa a aplicación xa informou que traballa en empregar a tecnoloxía do centro galego no eido de recoñecemento facial noutro tipo de ámbitos.
A aplicación da que estamos a falar chámase APP MobID, e trátase dunha solución de seguridade biométrica que comercializa a firma Mobbeel e que incorpora os últimos avances postos en marcha polo centro galego de I+D. Como dixemos, a colaboración está a ser do máis enriquecedora (tanto Gradiant como a empresa consideran que se trata dun “exemplo a seguir” en materia de transferencia tecnolóxica), polo que xa están a argallar novas solucións de seguridade biométrica, non só a través do recoñecemento facial senón tamén co de iris, xeometría da man ou sinatura manuscrita, eidos nos que o centro galego ten ampla experiencia. Tanto no que atinxe á materialización de solucións para computadores como no que se refire a material para teléfonos intelixentes con sistemas Android e iOS.
Segundo sinala Esteban Vázquez, investigador de Gradiant centrado nesta liña de traballo, “estes dispositivos móbeis estanse a converter na principal forma de acceso e intercambio de contidos e súa portabilidade fainos menos seguros e máis expostos a perdas ou roibos, polo que dispor de ferramentas que melloren a seguridade é fundamental”. Esteban apunta tamén cara a utilidades coma controis de acceso a recintos, subscricións a contidos en liña, procuras en bases de datos, etiquetado ou aplicacións de lecer. En definitiva, servizos cunha base confiábel, segura e doada de empregar. Como dixemos, esta transferencia Gradiant-Mobbeel pode ter continuidade. De feito, vanse testar os recursos de Gradiant no marcado ou asinado de documentos de xeito legal dende teléfonos móbiles ou tablets, cousa que podería dar como resultado outro produto con especial potencial en bancos e clientes dos mesmos, empresas operadoras de telefónica ou fabricantes de teléfonos intelixentes.

PUBLICIDADE