A tecnoloxía WEP para protexer as redes WiFi, de novo en evidencia

xoves, 18 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Disque o ataque dun acceso WiFi e a posterior declaración de dominio sobre o “territorio conquistado” xa ten un tempo medio de execución: o tempo que empregamos en servir un café e ir bebéndoo, sen necesidade de apuralo nin de demoralo. Isto non o dicimos nós, senón un informático experto en seguridade chamado Vivek Ramachandran que, segundo apunta The Inquirer, tamén é un especialista en desencriptar tecnoloxía WEP e meter logo os fociños nas redes sen fíos previamente protexidas, incluíndo o proceso de rexistro. Ramachandran, que ben podería ser tamén experto en poñer os cafés fervendo co fin de curarse en saúde se o tempo de desencriptado se dilata (e non baixar da marca persoal), fixo estas demostracións no transcurso dunha xuntanza de hackers celebrada en San Diego. Segundo puidemos saber, semella que non hai portátil con conexión sen fíos que se poida poñer ó seu carón e ser cualificada de segura.
Cómpre sinalar que a tecnoloxía WEP non é en realidade unha tecnoloxía, senón máis ben un sistema para protexer redes WiFi, creado a finais da pasada década e hoxe en franca regresión debido ó afianzamento dun novo método, o WPA. Sexa como sexa, o sistema WEP segue presente nunha boa parte dos computadores portátiles persoais e corporativos do mundo, dato que, unido ós devanditos, nos pode achegar unha idea máis ampla de algo que, en realidade xa se sabía: a meirande parte das redes WiFi que nos rodean están blindadas a medias. Coma cancelas de mestura de titanio atadas con dúas ou tres cordas. Sexa como sexa, o WEP ía cumprindo a súa función, aínda que con altos e baixos, e só ficaba coa garda baixa cando o atacante se achegaba ó router encriptado. A demostración de Ramachandran puxo ás claras que se pode facer dende lonxe, e, máis que nada, mediante o engano: facéndolle crer ó usuario que está rexistrado nunha rede que xa coñece.

PUBLICIDADE