A tecnoloxía 5G conta xa co seu observatorio estatal

xoves, 29 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Impulsar unha tecnoloxía, o 5G, que se estima xere en 2025 uns beneficios anuais de 62.500 millóns de euros, na contorna da Unión Europea, para os sectores do motor, a saúde, os transportes e as utilities. Este é o gran obxectivo do Observatorio Nacional de 5G que comezou hoxe oficialmente a súa andaina, cun investimento inicial de 1,5 millóns de euros e co apoio firme e integral da Secretaría de Estado para o Avance Dixital, Red.es e Mobile World Capital Barcelona, a entidade co-responsábel da semana de actividades Mobile Week Coruña acabada de celebrar na nosa terra. Mobile World Capital Barcelona achega nesta iniciativa 600.000 euros e 900.000 Red.es.
Segundo se fixo saber, o observatorio terá sede compartida nas instalacións de MWCapital en Barcelona e Madrid, e as súas actividades permitirán “complementar e asistir a aquelas postas en marcha pola Oficina Técnica do Plan Nacional de 5G, no seu labor de coordinación das sinerxías público-privadas no despregue de redes e servizos da dita tecnoloxía de telecomunicacións”.
En termos concretos, o organismo xerará estudos e informes sobre os novos usos da tecnoloxía devandita e o seu impacto potencial na sociedade e a economía, buscando incentivar a colaboración público-privada e do sector investigador. Prevese tamén que organice un evento con carácter anual para a difusión do 5G orientado á súa aplicabilidade en sectores produtivos. Tamén abrollarán do observatorio xornadas, cursos e obradoiros.
Esta iniciativa actuará en coordinación co Plan Nacional 5G e complementará a estratexia España Nación Emprendedora avanzada o pasado 5 de outubro polo presidente do Goberno de España.
Potencial da tecnoloxía
Segundo se fixo saber, a tecnoloxía 5G será o “compoñente tecnolóxico esencial na transformación dixital”. O seu despregue será, ademais, o empurrón definitivo para o desenvolvemento da Internet das Cousas, a analítica da información a gran escala (Big Data), a robótica ou a realidade virtual, cun “efecto transversal sobre a sociedade e a economía durante a próxima década, sendo un catalizador da atracción de investimento e panca dun crecemento inclusivo”, explicouse.
Segundo as estimacións que baralla a Comisión Europea, os beneficios de introducir a tecnoloxía 5G en catro sectores produtivos (motor, saúde, transporte e utilities) aumentarán de maneira progresiva até chegar aos 62.500 millóns de euros anuais na Unión Europea, no ano 2025. Ademais, explicou Red.es na presentación do observatorio, “se se considera tamén o impacto económico da mellora en eficiencia das cidades, os fogares e os centros de traballo, os beneficios totais anuais esperados ascenderían a 113.000 millóns de euros”. Este proceso de medre traduciríase en 2,4 millóns de postos de traballo na UE.

PUBLICIDADE