A suite libre gvSIG e as súas posibilidades para o noso territorio, polo miúdo no Campus de Ourense

luns, 17 de abril do 2017 Redacción

O Campus Universitario de Ourense vai acoller unha xornada para falar a fondo sobre gvSIG, proxecto de desenvolvemento de software libre para Sistemas de Información Xeográfica (SIX), do que teñen abrollado recursos concretos como o escritorio gvSIG Dekstop ou aplicacións como gvSIG Mobile ou gvNIX. A cita en Ourense, fixada para o 21 de abril na Escola Superior de Enxeñaría Informática, virá da man da Asociación gvSIG, rede referencial de profesionais en xeometría libre. Abranguerá relatorios e obradoiros prácticos sobre unha ferramenta, a devandita, que foi impulsada en inicio polo Goberno da Generalitat Valenciana ao abeiro do seu proceso de migración a plataformas abertas de todos os seus sistemas informáticos (as siglas gvSIG son un acrónimo de Generalitat Valencia Sistema de Información Geográfica).
Segundo lembra Mancomún, a día de hoxe gvSIG converteuse nunha completa suite que permite abordar calquera necesidade relacionada coa xeomática. Esta xornada concibiuse coma un encontro onde os estudantes, técnicos, usuarios, investigadores e a propia comunidade SIX en xeral poidan seguir e coñece as últimas novidade de gvSIG. Dará comezo ás 10.00 horas cun acto de inauguración oficial e, a continuación, unha introdución directa á xeolocalización pola vía das TIC e á suite gvSIG e os seus diferentes recursos. Haberá presentación de casos de éxito e, pola tarde, catro obradoiros (sobre o escritorio, sobre o scripting con gvSIG, sobre o gvSIG aplicado ao catastro e ao urbanismo e sobre a introdución á xeoestatística con esta plataforma libre).

PUBLICIDADE