A sombra da lei dá visibilidade ao alumnado e profesionais da Fundación TIC
martes, 16 de outubro do 2018
Lugo
acolleu hoxe unha proxección especial da longametraxe A
sombra da lei, do director monfortino Dani de la Torre, autor
tamén da exitosa O
descoñecido, ambos filmes
rodados na nosa terra e cunha ampla presenza de equipos humanos e
técnicos de aquí. No caso de A sombra da lei,
que está estes días na pantalla grande colleitando un importante
éxito de público, foi rodada en cidades como Lugo, Monforte ou
Santiago, contando co apoio de institucións como a Deputación de
Lugo e o Concello. Na proxección de hoxe, o presidente da entidade
provincial e da Fundación TIC, Darío Campos, mostrou a súa
satisfacción por ter colaborado as dúas institucións que
representa “nun filme que dá unha gran proxección nacional e
internacional a Lugo”.
Ademais
afirmou que “para nós é un orgullo que tres lucenses do nivel de
Dani de la Torre, Luis Tosar e Jorge Coira estean neste proxecto”,
e que sexa unha produtora galega, Vaca Films, capitaneada por unha
muller, Emma Lustres, a que o faga realidade.
Antes
de asistir ao pase nas salas do Centro Comercial Abella, o presidente
participou no acto de presentación da película no Círculo das
Artes, unha das localizacións da rodaxe, xunto ao voceiro do Goberno
provincial, Álvaro Santos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López,
o director Dani de la Torre, a responsábel de Vaca Films, Emma
Lustres, e parte do equipo artístico.
Campos
Conde subliñou que “cremos firmemente nos beneficios que a
industria do cinema ten para a nosa provincia desde o punto de vista
económico, social e turístico, e por iso, malia non ter
competencias no eido audiovisual nin partidas específicas destinadas
a este fin, responsabilidade que lle corresponde á Xunta de Galicia
e ao Goberno Central, desde a Deputación facemos un importante
esforzo económico para apoiar algunhas destas producións ao longo
do ano, como é o caso de La sombra de la ley, e conseguir que
os profesionais do sector vexan atractiva a nosa provincia para rodar
as súas producións, que son unha excepcional vía de promoción de
Lugo”.
Neste
punto, lembrou que a Deputación tamén está a traballar noutra
longametraxe de “proxección internacional”, a nova película do
galego Oliver Laxe, Aquilo que Arde, rodada principalmente nos
Ancares lucenses.
Por
outra banda, o presidente da TIC fixo fincapé en que estas rodaxes
supoñen “unha oportunidade única” para o alumnado e os
titulados da Escola de Imaxe e Son da entidade provincial, xa que
varios profesionais formados na EIS formaron parte do equipo do novo
filme de Dani de la Torre en diversos postos relacionados coas áreas
de dirección e produción. Amais, dixo, grazas a este traballo
conxunto, “tres alumnos fixeron prácticas con algúns dos mellores
profesionais que temos no só en Galicia, senón en España”.
Para
quen non o saiba, as escenas de A sombra da lei foron filmadas
o pasado ano en 80 decorados naturais exteriores e interiores. A
rodaxe arrancou en Barcelona, pero gran parte da acción discorre en
Galicia (Lugo, Pontevedra, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago).
En Lugo, filmouse na capital na rúa Bispo Aguirre e no Círculo das
Artes. No caso de Monforte, foi o museo do ferrocarril o que serviu
de fondo para unha das escenas claves da película, a do asalto a un
tren custodiado polas forzas de seguridade.