A solución multi-dispositivo de WhatsApp non estará dispoñible para móbiles secundarios

mércores, 14 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O longamente anticipado soporte multi-dispositivo de WhatsApp está ás portas de ser unha realidade, presentándose por fin oficialmente o seu xeito de operar, o que pode decepcionar a moitos usuarios, xa que non permitirá a instalación de WhatsApp en varios móbiles e a súa chegada será bastante lenta, comezando polo momento a funcionar nunha beta que espallarase progresivamente.
A nova capacidade de WhatsApp permitirá que poidan conectase a unha mesma conta até 4 dispositivos adicionais de xeito simultáneo, que poderían seguir operando aínda que o noso smartphone quedase sen batería, e cada un dos trebellos establecería conexións independentes co WhatsApp do móbil para garantir o nivel de seguridade preciso para as conexións cifradas de extremo a extremo que caracterizan a esta ferramenta de comunicación.
Esta solución busca que os nomes de contactos, os arquivos das conversas e moitos outros elementos de WhatsApp estean sempre sincronizados entre os distintos dispositivos, para o que tiveron que redeseñar a arquitectura do servizo, para que en condicións nas que o móbil teña problemas de conexión ou de batería, o resto de dispositivos poidan manter a comunicación dun xeito seguro, á vez que tamén elimina outras limitacións como a de poder comprobar as mensaxes nun dispositivo mentres se está a realizar unha videochamada noutro.
Os dispositivos secundarios que poden conectarse ao noso WhatsApp continúan a ser navegadores web, ordenadores con mac OS ou Windows e dispositivos Portal de Facebook.
As probas do WhatsApp multi-dispositivo comezan agora a andar cun grupo moi reducido de usuarios, que irase ampliando mentres optimizan o sistema e van incorporando prestacións, sendo esta beta en cuestión opcional, de xeito que durante as probas os usuarios poderán entrar na mesma e saír en calquera momento, dando a entender que tardará bastantes meses en chegar a todos os usuarios de xeito oficial.

PUBLICIDADE