A sociedade galega, cada máis enganchada aos servizos dixitais

venres, 15 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A Internet está a mudar os nosos costumes diarios. En primeiro lugar, pídenos máis tempo para ela mesma. A consecuencia directa é que deixamos de facer certas cousas para dedicarnos máis tempo a navegar. Isto non ten nada de malo se o facemos de xeito racional e se o feito de estar na Rede permítenos minimizar o tempo de tarefas que antes facíamos sen ela. Por exemplo: comunicármonos, traballar, levar a cabo trámites de tipo administrativo. O problema está cando nos pasamos da liña e estamos na rede por estar, se cadra pensando que por ela só veñen cousas mellores cando en realidade é máis do mesmo, pero máis rápido e en maior cantidade. Este proceso de darlles ás redes moita máis importancia da que merecen xa se está reflectir na nosa sociedade. Por exemplo en cousas como que se prefira conversar en liña que facelo in situ.
Segundo datos achegados pola Enquisa de Emprego do Tempo do Instituto Nacional de Estatística (pdf) e reflectidos polo Faro de Vigo, os galegos dedicamos cada vez máis tempo ao computador e aos medios de comunicación e menos a saír cos compañeiros ou a facer deporte. En termos de lecer de tipo presencial e a vida social, a nosa sociedade dedícalle a estas actividades trinta e catro minutos menos hoxe en día que en 2003. Quen sae gañando con este tempo que se perde? Pois as redes e o gran negocio que se move arredor delas. A gran vantaxe destas, fronte a actividades de toda a vida, é que son accesíbeis, cómodas e, xeralmente, máis económicas en relación que a cousas que se levan facendo dende hai anos na vida real. Asemade, tampouco podemos esquecer o carácter de novidade tecnolóxica, que atrae moito, e tamén a arela que temos de estar na vangarda, aínda que isto supoña felicitar servizos ou produtos que logo non resultan tanta cousa. Por exemplo: hoxe en día semella que pouca xente se atreve a criticar o Facebook, e con tódalas vantaxes que pon en xogo tamén hai que dicir que é un dos meirandes roubatempos dos nosos días. Entre as escasas voces críticas que se oen, hai xa quen nos anima a pararnos e facernos a nós mesmos a seguinte pregunta: cantos amigos dos que temos nas redes sociais estaríamos seguros de que nos farían un favor de certa importancia, un favor de verdade, de amigo/a, se así llelo pedíramos?
Volvendo ao estudo, a fin de contas o fío deste artigo, dicir que tamén hai datos sobre o tempo que pasamos diante do computador. Se en 2003, un 17% dos enquisados usaba parte do seu tempo fronte ao ordenador, agora o número incrementouse nuns 10 puntos. En total, estariamos a falar de case dúas horas de media navegando por Internet, case tres cuartos de hora máis có que se lle dedica á vida de lecer tradicional. Unha vez máis e coma case sempre, os homes quedamos peor. De feito, dedicamos 53 minutos máis cás mulleres a fozar nas redes.

PUBLICIDADE