A situación do noso sector discográfico ante a dixitalización, a debate nunha xornada do CCG

mércores, 8 de xuño do 2022 S. P.

O Consello da Cultura Galega vai organizar unha xornada, este 9 de xuño, sobre a situación actual das empresas discográficas na nosa terra. Nela, destacados expertos afondarán na pegada que están a ter os novos formatos, soportes e canles neste sector, un proceso que reconstruíu os modelos de negocio e o consumo e que obriga á superación de novos e continuos retos. O encontro A industria discográfica en Galicia está coordinado por Xosé Ramón Pousa, é presencial pero poderá seguirse en directo a través da web e das redes sociais da institución.
Segundo explica o CCG sobre os porqués desta xornada, “os cambios continuos nos formatos, a eclosión de Internet e as novas tendencias de consumo, coa aparición de novas formas de pirataría e a irrupción de plataformas de distribución alleas ao sector tradicional, levaron a industria a unha crise total de vendas, co afundimento de grandes selos discográficos e a modificación da relación entre os creadores e o público cara a un modelo de distribución con novos paradigmas”. Porén, engade o Consello, non todo foi negativo, xa que a dixitalización trouxo novas oportunidades, “de xeito que as redes favoreceron a aparición e o éxito de grupos noveis, aumentaron a música en vivo, cara a un contacto máis directo entre artistas e seguidores, e mesmo a ruptura dos mercados locais para unha maior e máis rápida internacionalización dos produtos, que xa non buscan compradores senón usuarios”.
Segundo engade o Consello da Cultura, estas transformacións teñen “unha manifestación particular nos pequenos mercados, como o galego”, onde “a simplificación e o abaratamento dos procesos de produción musical están dando lugar ao nacemento de novos selos, a fenómenos de autoedición promovidos directamente polos artistas e aos retos de facer visíbeis na Rede os contidos sonoros dunha cultura musical tan rica como a galega”.
O programa
Alfonso Espiño, músico e doutor en Historia da Arte, é encargado de abrir o programa cun relatorio titulado A industria musical na globalidade: do disco ás plataformas dixitais. Despois, Fernando Fernández Rego, profesor e investigador en temas musicais, autor de Unha historia da música en Galicia 1952-2018, analizará os horizontes e perspectivas da historia da música gravada na nosa terra. A xornada continúa pola tarde con dúas mesas redondas. Unha delas moderada polo pianista, e membro do Plenario do CCG, Alejo Amoedo, e na que Maritxu Alonso de Uterzine, Josiño Carballo de Ernie Records e Segundo Grandío de Casa de Tolos falarán dos retos para produtoras e editoras discográficas galegas no panorama global contemporáneo.
Na segunda das mesas, o xornalista Santi Montes modera a Manuel Alonso de Músicas ao Vivo, a Michel Valiña da Asociación Distant Sounds e a Jordi Lauren de PlayPlan Cultural que afondarán nas feblezas, fortalezas, resistencias e esforzos para sacar adiante a produción discográfica galega.

PUBLICIDADE