A sexta edición de UNVEX celebrarse do 7 ao 9 de xullo en Santiago de Compostela

luns, 21 de decembro do 2020 Redacción

A sexta edición de UNVEX realizarase do 7 ao 9 de xullo na capital galega, Santiago de Compostela. O proxecto sumarase ao impulso que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), está dando ao sector dos vehículos aéreos non tripulados e as tecnoloxías que os acompañan, os complementan e incrementan as súas potencialidades. A nova edición incorporará exposicións, conferencias e demostracións varias.
Despois das leccións aprendidas, a nova regulación europea e os múltiples proxectos que se realizan para integrar os UAS no espazo aéreo, a organización do evento sinala que “o vindeiro ano será clave para o desenvolvemento do sector e o coñecemento das oportunidades que xera a tecnoloxía”.
O esquema do programa de conferencias mantense en 2021. Tampouco mudan as empresas patrocinadoras e expositoras de UNVEX. Deste xeito, o proxecto está case completo entre as principais compañías do sector e fabricantes, ademais das pequenas e medianas empresas que axudan ao seu funcionamento no mercado.
O evento realizarase en xullo porque é un mes que ofrece unha mellor climatoloxía. Así, levaranse a cabo demostracións en vivo de sistemas aéreos non tripulados que sairán do Polo Aeronáutico de Galicia, situado en Lugo. Tamén se poderán visualizar embarcacións non tripuladas na Ría de Pontevedra.

PUBLICIDADE