A sexta edición da Pont-UP Store volverá centrar o foco nos videoxogos

mércores, 29 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves 30 de marzo comeza o prazo de presentación de candidaturas dun dos eventos creativos máis importantes do ámbito peninsular: a feira Pont-Up Store, centrada na innovación, no emprendemento e no pulo da nosa xente por transformar o mercado e os servizos que lle dan alicerce. A sexta edición da feira pontevedresa desenvolverase baixo un epígrafe que reivindica o espírito visionario a afouto das nosas emprendedoras e emprendedores: O impulso da xente valente. A xeito de novidades, incluirase unha “romaxe creativa” e un espazo adicado ao emprendemento senior. Amais, achegaranse unha chea de iniciativas sobre a industria dos videoxogos.
A feira celebrarase en Pontevedra, coa praza de España como centro de operacións, os días 19, 20 e 21 de setembro. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands de balde dispoñíbeis; propoñer actividades de demostrativas dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés (no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos as súas propostas a representantes de importantes empresas e entidades galegas).
Nesta edición contarase co apoio das firmas EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda.
As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades desde mañá 30 de maio ao 7 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 23 de xullo.
Polo que respecta á campaña deste ano (O impulso da xente valente), quere poñer en valor “o risco que asumen as persoas que deciden emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea, entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos que tantas veces contribúen a mellorar a vida da nosa sociedade”. A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.
Como dixemos, o evento vai poñer o foco no eido dos videoxogos, amplificando algunha das actividades xa iniciadas en edicións previas. Haberá, con respecto ao ano pasado, máis espazos de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais do sector, meirande número de obradoiros de formación e charlas, e competicións de eSports nas plataformas máis concorridas. Todo isto formará parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up Store 2019. Asemade, presentarase o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by Hobbycon, unha actividade rebordante de videoxogos, animación, cómics e xogos de mesa, entre outras vertentes do lecer.
O Pont-Up Store está liderado polo Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello local como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores, co obxectivo común de converter Pontevedra “na capital galega das mellores iniciativas empresariais”. Este ano, súmanse a este gran equipo FINSA, Gadis, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.

PUBLICIDADE