A sexta competición de robots da EE Industrial vén con novidades

mércores, 15 de xaneiro do 2020 Redacción

A Universidade de Vigo deu a coñecer estes días novidades relativas á competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial, que cada ano desde hai seis congrega centos de estudantes. Segundo fixo saber, este 2020 remodelarase a denominación das categorías e incorporaranse outras novas. Desta maneira, a sección WAAL-e (para alumnado de ESO e Bacharelato) pasará a ser BE-ROBOT e a modalidade R2D2 (para estudantes de graos e FP), DeMo-ROBOT. O concurso celebrarase o 24 de abril a partir das 10.30 da mañá en varias recantos da escola do Campus de Vigo. Segundo explicou Juan Pardo, director do centro, nas cinco anteriores edicións participaron máis de 4.000 estudantes da ESO, Bacharelato, FP e universidade de toda Galicia.
Este ano agárdanse cifras semellantes aos dos dous últimos anos, nos que se acadaron os 1.000 participantes e os 171 equipos, o tope permitido, determinado polas limitacións físicas da Escola. O prazo para realizar a inscrición na competición remata o 30 de xaneiro.
Xunto ao cambio nas denominacións das categorías de competición, a edición deste ano do concurso introducirá pequenas variacións coas que “se pretende estimular ás e aos concursantes”, como a de “ter que superar cos robots unha pequena rampla, un velódromo mareante no caso da categoría BE-ROBOT ou unha proba de triplo ensaio con illote”, explica o director da escola.
A competición de robots mantén vixente o obxectivo para o que foi creada, que é “espertar o interese dos rapaces e das rapazas polas disciplinas STEM”. En palabras de Juan Pardo, “estamos a vivir nun mundo onde a tecnoloxía é unha realidade que está a cambiar os nosos modos de vida e a transformar os empregos do futuro e isto hai que cultivalo desde as bases do concurso, fomentando o interese pola tecnoloxía”.

PUBLICIDADE