A semana que vén a Rede CeMIT acollerá unha actividade sobre creación multimedia e web 2.0

luns, 15 de outubro do 2012 Redacción

Aula CeMIT do Concello de Ames

Desde o vindeiro 24 de outubro e ata o 12 de novembro desenvolverase unha actividade sobre Creación Multimedia e Web 2.0 en 12 aulas da rede CeMIT, no marco do seu Plan de Dinamización 2012.
Esta actividade gratuíta de 40 horas ten por obxecto facer un percorrido polos procedementos básicos de creación de contidos adaptados á web, o proceso de obtención, edición e optimización, e finalmente publicación en servizos web 2.0. Contémplanse recursos de todo tipo: textos, imaxes, audio ou vídeo.
Os participantes na actividade obterán os coñecementos para xerar adecuadamente os contidos necesarios para a súa publicación nun blog ou algún outro servizo web 2.0, habilidades moi valoradas actualmente para moitos postos de traballo de diferentes sectores.
O curso desenvólvese en 12 centros da rede CeMIT mediante os sistemas de videoconferencia e aulas virtuais, que permiten a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas.
Na provincia da Coruña participan os centros de Ames, Cerceda, As Pontes, San Sadurniño e Vilasantar. En Lugo a aula do Vicedo. En Ourense os de Beariz e Manzaneda. En Pontevedra: Campo Lameiro, Cuntis, O Porriño e Vilanova de Arousa
Neste momento aínda quedan prazas libres para os centros de As Pontes, San Sadurniño, Vilasantar, O Vicedo, Beariz, Manzaneda, Campo Lameiro e Cuntis. Pola contra, en Ames, Cerceda, O Porriño e Vilanova de Arousa están completos os cursos.

PUBLICIDADE