A semana que vén Samsung explicará a causa dos incencios das baterías dos Note7

luns, 16 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Se un tema acaparou titulares na prensa tecnolóxica durante 2016 ese foi, sen dúbida, a problemática ao redor do Samsung Galaxy Note7, smartphone considerado como o máis completo do mercado, pero que veu ensombrecido o seu lanzamento cunha serie de incidentes por mor do incendio da súa batería que levou á retirada do produto do mercado en dúas ocasións consecutivas (aínda que, por fortuna, en boa parte do mundo non chegou sequera a comercializarse de xeito ordinario).
Os problemas do Note7 eran especialmente preocupantes porque tras a retirada inicial do produto do mercado volveu distribuírse dando por feito que xa estaba corrixido o defecto que provocaba a combustión da batería, pero finalmente veuse que non era así, de xeito que a diagnose do problema foi incorrecta, o que provocou un grande problema de imaxe para Samsung, compañía que ten que levar a súa imaxe antes do lanzamento dos seus novos smartphones nos vindeiros meses, polo que está previsto que o vindeiro día 23 publiquen un informe coa investigación ao redor do seu smartphone máis problemático, e dende Reuters xa adiantan que, segundo fontes da compañía os fallos dos dispositivos non estarían nin no deseño do teléfono nin no seu software, senón nas súas baterías, o que sorprende en parte ante o feito de que, tras mudar de provedor, continuaron os fallos, de aí que sexan preciso que a compañía dea moi boas explicacións para que os consumidores poidan estar seguros de que o fallo non volverá a repetirse.
Investigadores alleos á compañía surcoreana teorizaron na posibilidade de que o problema coa batería do Note7 fose consecuencia do reducido espazo que se deixou para a mesma, polo que resultará esclarecedor se Samsung confirma a sospeita, o que axudaría a que outros fabricantes non cometesen o mesmo erro no futuro.

PUBLICIDADE