A segunda xornada da ICCWeek acolleu un apaixonante un percorrido pola historia dos videoxogos

venres, 9 de outubro do 2020 S. P.

A Deputación de Ourense organiza estes días a nova edición da semana cultural, creativa e tecnolóxica ICCWeek, que vén marcada pola seguridade sanitaria e polo distanciamento pero tamén pola vontade de xuntar forzas para espallar tecnoloxías e innovacións que nos permitan superar a crise económica e social. Na segunda xornada do evento, a deste xoves, os protagonistas foron o deseño, coa particular visión dun referente como Oscar Mariné, charla presentada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e os videoxogos, cunha viaxe pola historia da súa música, da man da musicóloga ourensá Erea Carbajales, e unha mesa redonda na que tres expertos no sector analizaron as oportunidades nesta industria.
Na xornada matinal deste xoves, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentou o relatorio do recoñecido deseñador, tipógrafo e artista Oscar Mariné, deixando constancia da súa satisfacción “por conseguir traer á ICCWeek, logo de moitos intentos en pasadas edicións, a un gran creador e pope do deseño gráfico internacional’’’’.
No seu relatorio, Oscar Mariné realizou un repaso da súa vida artística a través dos seus máis importantes traballos en 40 anos, que marcan a evolución do deseño español. Nas súas costas garda decenas de traballos nacionais e internacionais en eidos tan diversos como o deseño editorial, a imaxe corporativa, o cinema ou a industria musical. Mariné relatou un percorrido desde os seus inicios apegados ao xurdimento da Movida dos anos 80, deseñando portadas de revistas e discos de grupos como Siniestro Total, e máis tarde Los Rodríguez, Andrés Calamaro, e Bruce Springsteen, ata os traballos para marcas que converteu en referencias dunha época, como Camper, Absolut Vodka ou Swatch.
No seu repaso artístico, Mariné destacou os carteis de numerosas películas españolas nas que deixou a súa pegada; como Tierra (Julio Medem,1996), El Día de la Bestia (1995) e 800 balas (Alex de la Iglesia, 2002) e Todo sobre mi madre (Pedro Almodovar,1999), un dos seus traballos máis icónicos, do que contou algúns segredos, como o detalle de que utilizou as cores da bandeira francesa para tentar ter máis éxito no Festival de Cannes, e engadir unha ilustración orixinal evitando así que na distribución internacional se modificara o cartel.
Pola súa banda, a musicóloga ourensá Erea Carbajales fixo un percorrido histórico polos elementos musicais nos videoxogos, desde as primeiras máquinas Arcade de finais dos anos 70 onde só se incluían elementos sonoros sinxelos, e un son diferenciador para marcar os fallos do xogador, despois coa incorporación de música clásica, libre de dereitos e que incorporaban os propios programadores, ata a chegada dos videoxogos “más míticos dos anos 80”, con melodías sinxelas e aditivas como as de Pacman, Mario Bros ou Tetris que, segundo lembrou, foron referentes desa xeración. Tamén fixo un repaso polo presente do sector, “onde os grandes estudios manexan importantes orzamentos nos videoxogos máis populares, e onde equipos de máis de 100 músicos e compositores poden chegar a traballar para o desenvolvemento das bandas sonoras dos títulos máis coñecidos do mercado”. Segundo engadiu, “a música desde sempre foi elemento fundamental para adentrar ao xogador no videoxogo, e chegou a cobrar tal importancia que xa existen discos gravados só con música de videoxogos, ou emisoras de radio especializadas en música de videoxogos”.
Na última das actividades da xornada, Roberto Yeste de Play Station, Kiko Bejar, de Benditos Videojuegos, e Sonia Herranz, de Hobby Consolas participaron nunha interesante mesa redonda sobre as oportunidades da industria dos videoxogos, moderada por Alberto Xogón.
Os profesionais analizaron a nova realidade no sector, despois da pandemia, onde souberon adaptarse as novas circunstancias con rapidez, xerando eventos en liña, competicións e incluso presentacións de produtos. Roberto Yeste indicou que con este tipo de eventos incluso chegaron a máis público que se se fose organizado de xeito presencial. E tamén destacaron como mentres outros sectores están en dificultades nestes momentos, o sector dos videoxogos mantén ou incluso aumentou o nivel de traballo e actividade. Kiko Bejar insistiu na necesidade de que España non só sexa un país consumidor de videoxogos senón tamén produtor e xerador de contidos de entretemento.
Sonia Herranz apuntou “a interesante evolución da presenza das mulleres nos videoxogos como consumidoras”, pero tamén “como xeradoras de contidos”. Sobre os perigos do abuso das pantallas, os tres destacaron a importancia do uso dos controis parentais e as ferramentas de control nos dispositivos e nos propios contidos que se consumen.
Para a xornada do venres, a partir das 12.30 horas está prevista a conferencia de Alejo Stivel, que poderá ser seguida en streaming. A industria musical será a protagonista nunha revisión sobre a figura do produtor musical, baseada na súa propia experiencia vital. Co-fundador do grupo Tequila, banda coa que acadou numerosos éxitos nos inicios dos 80, Stivel leva adicados máis de 30 anos á produción musical, teatral e publicitaria.

PUBLICIDADE