A segunda tempada de Rapa aspira a repetir o histórico éxito dos primeiros capítulos en Movistar Plus

xoves, 15 de setembro do 2022 S. P.

Este 14 de setembro presentouse en Ferrol, no Arsenal, a nova tempada da serie galega Rapa, dirixida e escrita por Jorge e Pepe Coira e producida por Portocabo e a plataforma Movistar Plus. Na cita estiveron presentes os protagonistas, Javier Cámara e Mónica López; o creador Pepe Coira; os produtores executivos Domingo Corral (Movistar Plus ) e Alfonso Blanco (Portocabo); e representantes das institucións colaboradoras na produción, encabezados polo Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o almirante do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz.
Na segunda tempada, de seis episodios, o proceso de filmación desenvólvese até finais de ano nas localidades de Ferrol, Valdoviño, Fene, Cedeira e Narón. A estrea está prevista para 2023 na dita plataforma de audiovisual en streaming.
Domingo Corral, produtor executivo da serie e director de Produción Orixinal de Movistar Plus , sinalou que Rapa é "unha das series de máis éxito en Movistar Plus e por iso estamos encantados de volver agora cunha segunda tempada, alégranos moito poder contar a nosa cultura e tradición a todo o mundo".
Por parte de Portocabo, Alfonso Blanco, produtor executivo da serie, declarou o seguinte: "Queriamos gravar en casa e facer este tipo de producións con Movistar Plus , con quen traballamos moi cómodos, é un luxo. Aspiramos a deixar unha pegada positiva". E engadiu: "Na primeira tempada, en Cedeira todo o mundo abriunos as portas, o concello, a xente, as institucións… Poder filmar no Arsenal, un lugar tan pouco visto, e en Ferrol unha cidade tan singular e con tantas peculiaridade,s é unha completa alegría”.
Pola súa banda, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, manifestou estar "moi contento” polo gran éxito que tivo Rapa en Movistar Plus; “É algo moi bo para Galicia porque promociona a nosa terra. Por iso, fainos moi felices saber que vai haber unha continuación que esperemos que teña máis éxito que a anterior, se cabe”.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, destacou: "A primeira tempada enganchounos a todos. Poder mostrar os nosos bens patrimoniais nunha plataforma como Movistar Plus é unha ocasión única”.
Ademais, o Almirante do arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz, apuntou: "Cando se nos propuxo filmar aquí souben que era moi boa oportunidade para dar a coñecer o Arsenal. Para a cultura española son moi importantes este tipo de iniciativas e desde a Armada e o Arsenal apoiámolas totalmente”.
A trama da segunda tempada de Rapa levará a Maite (Mónica López), sarxento da xudicial, a investigar a desaparición dunha oficial. Mentres, Tomás (Javier Cámara) teimará en resolver un caso de asasinato que está a piques de prescribir.
Pepe Coira, creador da serie xunto a Fran Araújo, explicou: “Para nós é importante crear universos que estean moi preto do mundo real. Por iso, queriamos gravar dentro do Arsenal e poder retratar esta contorna única”.

PUBLICIDADE