A segunda misión do Clúster TIC asenta os alicerces de novos pactos de colaboración con Colombia, Ecuador e Portugal

venres, 19 de xuño do 2015 Redacción

Os días pasados, tal e como anunciamos dende Código Cero, desenvolveuse da man do Clúster TIC Galicia un programa de actividades destinadas a estreitar relacións empresariais entre o noso sector tecnolóxico-dixital e firmas, entidades e institucións da outra beira do Atlántico. Falamos da segunda Misión Comercial Inversa, unha iniciativa para abrirmos negocio en Colombia e Ecuador, e tamén nun país que nos toca ben de preto dende tódolos puntos de vista: Portugal (a través do TICE.PT). A nova Misión desenvolveuse ao longo de catro días, e o Clúster TIC brindou aos seus integrantes a oportunidade de coñecer a situación e as estratexias que se están a executar nestes países, as necesidades detectadas e os avances logrados en materia de innovación e nas TIC.
De xeito complementario, as nosas empresas e entidades puideron amosar en detalle os seus proxectos e potencialidades, así como produtos e servizos xa dispoñíbeis e que poden ser acaidos para as necesidades específicas dos convidados internacionais.
A dirección do Clúster TIC Galicia tamén aproveitou para dar conta, en clave colectiva, do seu ecosistema: un tecido empresarial de “grandes integradores e exportadores”, con PEME especializadas con produto, con 5 centros tecnolóxicos e con máis de 2.290 empresas TIC, ao que cómpre engadir colaboracións internacionais con outros clústeres, como é o caso de Portugal, Alemaña, Reino Unido e Suecia. “Todo isto”, fixo saber a entidade galega, “permítenos desenvolver a nosa propia estratexia de especialización que baseamos en tres eixos principais, o Goberno Electrónico, no que potenciamos o desenvolvemento das Cidades Intelixentes, a saúde, a educación, o transporte e a participación; a Intelixencia Artificial para fortalecer o traballo na intelixencia das bases de datos, o descubrimento de patróns e a simulación de procesos; e a Internet das Cousas para xerar oportunidades na comunicación integral no fogar e na saúde, a fábrica do futuro, a loxística internacional e o coche conectado”.
O Clúster tamén lembrou que representa a un sector que xera xa máis de 15.000 empregos estábeis e de alta cualificación de Galicia.
Por certo que o desenvolvemento da segunda Misión tamén deu cabida á presentación perante os representantes internacionais do proxecto Coruña Smart City, que acolleu (entre outras cousas) unha demostración práctica de datos recollidos en tempo real na contorna urbana da cidade. Tamén se achegou luz sobre os avances dados en servizos como o sistema de rego, o consumo enerxético, o transporte urbano ou a información de lecer e turismo. Asemade, fíxose saber que o gran obxectivo de Coruña Smart City é “conseguir unha cidade líder en benestar e calidade de vida, con máis e mellores oportunidades para o seu desenvolvemento económico e sustentábel”.
Na segunda Misión tamén participaron os centros nosos integrantes do tecido investigador TIC, como o Centro de investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación – Universidade de Vigo (AtlantTIC); a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA); o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións – Universidade de A Coruña (CITIC); o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información – Universidade de Santiago de Compostela (CiTiUS); e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), que amosaron as súas principais liñas de investigación, as colaboracións empresariais e os resultados obtidos nos mercados europeos. Amais, nun plano máis específico, expuxeron os seus avances en materia de sanidade, motor, intelixencia artificial, enxeñaría de datos, robótica, seguridade e sociedade dixital.
Pola súa parte, os representantes americanos compartiron coas empresas e entidades galegas un completo panorama de oportunidades de medre e colaboración. Segundo fixeron saber, o crecemento do sector do software e TI na contorna latinoamericana foi dun 177%, e estímase que Colombia liderará esta tendencia alcista. A compra de alta tecnoloxía por parte do goberno, o incremento do consumo entre a cidadanía e a alta poboación existente xeran múltiples oportunidades de negocio. De especial mención as solucións industriais verticais en enerxía, saúde, enxeñaría e as Cidades Intelixentes.

PUBLICIDADE